Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOMINGO ELECTORAL

Paraguai pode elixir o cambio despois de seis décadas

O ex-bispo Fernando Lugo, da Alianza Patriótica para o Cambio, encabeza as enquisas fronte á candidata do gobernante Partido Colorado.

Redacción - 11:10 20/04/2008
Fernando Lugo / Flickr: Fernando Lugo APC

Fernando Lugo / Flickr: Fernando Lugo APC

Paraguai vive este domingo uns comicios históricos. O pobo elixirá a presidencia, os representantes lexislativos e os gobernadores rexionais. Por primeira vez, as enquisas amosan a posibilidade de que o Partido Colorado, que leva 61 anos gobernando, abandone o poder. Parte como favorito Fernando Lugo, ex-bispo que encabeza a Alianza Patriótica para o Cambio (APC), aínda que a pouca distancia de Blanca Ovelar, a representante do partido no goberno, e de Lino Oviedo, ex-xeneral do partido UNACE.

Todo o país está preparado para iniciar as votacións, cun período de reflexión que comezou o venres e coa prohibición da venda de alcol, entre outras medidas excepcionais. Por todo Paraguai habilitaranse 14.305 mesas electorais nas que teñen dereito ao sufraxio 2,8 millóns de persoas, que elixirán presidente, 80 deputados, 45 senadores e 17 gobernadores. Así mesmo, votarán por primeira vez para escoller 18 lexisladores do Mercosur. O impredecíbel voto rural, polo escaso acceso dos enquisadores ás zonas illadas, será decisivo á hora de elixir o vindeiro goberno.

Os representantes do Partido Colorado aseguran que respectarán os resultados no caso de que perdan as eleccións. Porén, o presidente saínte, Nicanor Duarte Frutos, denunciou a suposta chegada de "colaboradores extranxeiros" para apoiar a oposición. Tamén houbo acusacións contra a candidatura de Fernando Lugo de recibir o apoio do goberno de Venezuela, algo desmentido tanto pola APC como polo propio Hugo Chávez.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: