Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pesares do aumento do prezo dos alimentos

A Comisión Europea segue a pensar nos biocombustíbeis

Vai manter a súa meta de conseguir, até 2020, que o dez por cento dos vehículos dedicados aos transportes os empreguen.

Redacción - 19:15 21/04/2008

A Comisión Europea acordou, esta segunda feira, manter a súa meta de conseguir, até 2020, que o dez por cento dos vehículos de transporte de mercadorías e pasaxeiros empreguen biocombustíveis para rodar, a pesares das críticas por causa dos chamados "eventuais impactos no abastecemento alimentar", isto é, a falta de alimentos ou o aumento do prezo destes.

Na comunidade internacional pesan aínda máis os receos de que a produción de biocombustíbeis é a principal causante do aumento dos prezos dos alimentos, ao tempo que se considera un erro que os solos agrícolas dos países en desenvolvemento pasen a ser empregados para producir este tipo de carburantes.

Tentando limitar os prexuízos sociais dos biocombustíbeis

O comisario europeo para o Medio, Stavros Dimas, asegurou, en conferencia de prensa, que esta meta do dez por cento vai estar acompañada de rigorosas esixencias para evitar danos sociais, mais os ecoloxistas consideran que se Europa se pon a definir e a cumprir criterios de sustentabilidade esta meta non se vai poder alcanzar na vida.

Tamén o Consello Científico da Axencia Europea para o Medio (composto por 20 científicos independentes dos 15 Estados membros da UE) defendeu, o pasado 10 de abril, que este obxectivo do dez por cento debe suspenderse, posto que é "demasiado ambicioso" e vai ter efectos "difíciles de controlar". Por isto aconsellou a realización dun novo estudo sobre os riscos e os beneficios dos combustíbeis agrícolas (sobre todo o etanol e o biodiesel), así como a "definición dunha meta máis moderada e a longo prazo, se a sustentabilidade non pode garantirse".

Actualmente, un grupo de traballo da Unión Europea está a tentar definir novos criterios para limitar os prexuízos sociais dos biocombustíbeis, mais aínda non reconsiderou a famosa meta do dez por cento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: