Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No medio da loita polo liderado da formación

Fraga entra na lea do PP apostando por Rajoy e Gallardón á fronte do partido

"Debe calar dunha vez", opinou o ex presidente galego da actual presidenta da Comunidade de Madrid.

Redacción - 09:00 23/04/2008

As especulacións coa posíbel candidatura de Esperanza Aguirre no próximo congreso do PP onde se resolverá o novo liderado do partido non son do agrado de Manuel Fraga, o fundador desta formación política. En declaracións este martes á axencia Servimedia, Fraga recomendoulle "calar" a Aguirre e dixo esperar que "todo o mundo saia razoábelmente contento". O de Vilalba criticou o discurso ambiguo da presidenta madrileña, quen este mesmo luns teimaba en que votará por Rajoy no congreso de xuño e á vez recoñecía non pechar a porta a presentar unha candidatura alternativa ao pontevedrés.

Por outra parte, Manuel Fraga tamén indicou que vería con bos ollos a Alberto Ruíz Gallardón, alcalde de Madrid, como secretario xeral do PP, relevando nese cargo a Ángel Acebes. Ao respecto da alerta sobre unha posíbel división no partido realizada polo actual voceiro do PP no Parlamento Europeo, Jaime Mayor Oreja, quen tamén lle ten adicado críticas a Gallardón, Fraga reflexionou que Oreja ten unha "obsesión co País Vasco", opinando que as súas reflexións están condicionadas por ese motivo.

Durante a mesma xornada e en resposta ás declaracións de Fraga, Esperanza Aguirre retrucou que "o da mordaza" con ela "non vai". Por outro lado, e diante das dificultades para realizar o asalto ao liderado do partido a curto prazo, a presidenta do PP madrileño optaría agora por non retirarlle o apoio a Rajoy no próximo congreso, pero introducindo unha emenda para a reformulación da escolla do cabeza de cartel para as eleccións xerais. Se o sistema vai adiante, o candidato do PP a presidir o goberno español en 2012 sería escollido en eleccións primarias.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: