Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTIVIDADES POLO DÍA DO LIBRO

As letras saen á rúa polo 23

As bibliotecas da Coruña e a Universidade de Santiago realizarán 'bookcrossing', ao tempo que en Ferrol comeza a 'Feira do Libro'.

Redacción - 10:56 23/04/2008

Na Coruña, as bibliotecas municipais repartirán libros entre as oito da mañá e as oito da tarde nas estacións de tren e autobuses. Ademais, durante todo o día liberaranse libros en varios puntos da cidade para promover o bookcrossing. Finalmente, pola tarde, a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, entregará os premios aos gañadores do concurso de fotografía Amósanos o que les.

En Compostela o Día do Libro tamén se celebrará achegando os libros á rúa, mediante a súa liberación. O servizo de publicacións da USC participará no Bookcrossing Universitario que se organiza en todo o Estado, co obxectivo de converter o mundo nunha biblioteca global mediante o intercambio de libros de manera gratuíta. En concreto, a USC depositará tres exemplares das obras La Casa de la Troya, Os viquingos en Galicia e O dómine indómito. Ademais, o Concello de Santiago celebrará o Día do Libro coa entrega dos premios do V Certame de poesía Aurelio Aguirre (gañado por Alba Cid Fernández) e do VII Certame de relato curto José Saramago (no que se impuxo David Vázquez Álvarez).

Feira do Libro en Ferrol con Luis García Montero e Manuel Rivas
En Ferrol, mentres, o 23 de abril coincide coa apertura da Feira do Libro, que se desenvolverá até o domingo 27 nos Cantóns, e que contará coa presenza de Luis García Montero, un dos grandes autores da poesía española das últimas décadas. Montero estará en Ferrol o xoves 24. A feira comezará ás once da mañá cunha maratón de lectura na Biblioteca Municipal, mais inauguraráse de forma oficial ás 19.30 horas, co pregón que lerá Manuel Rivas. Nesta edición, o novo goberno municipal de Ferrol quere mudar a organización da feira, que perdeu moito seguimento nos últimos anos, e organizaou un amplo conxunto de actividades paralelas, entre as que destaca a música e o teatro.

Finalmente, o Consello da Cultura Galega e o Seminario de Estudos Galegos conmemorarán a xornada coa presentación do libro Ánxel Casal, un editor para un país, coordinado por Alfonso Mato. No acto participará Ramón Villares, quien estará acompañado por representantes da Federación de Libreiros de Galicia, da Plataforma do Producto Gráfico e Libro Galego e da Asociación Galega de Editores.


3.5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: