Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
40 ANOS DO PRIMEIRO CONCERTO DE VOCES CEIBES

Catro décadas erguendo a voz

O 26 de abril de 1968 o paraninfo da Facultade de Medicina da USC encheuse para escoitar un berro de protesta contra a ditadura: nacían 'Voces Ceibes'

Marcos S. Pérez - 09:00 29/04/2008

Loitemos, loitemos, que a lúa segue brilando. A voz decidida e a guitarra belixerante de Benedicto atronan o Paraninfo da Facultade de Medicina da USC. É 26 de abril de 1968 e máis de dous mil estudantes enchen o recinto, inzado de bandeiras galegas, e moitos máis fican fóra sen poder entrar; fóra, onde tamén agardan os grises. É o 68, non por casualidade; dende había dous meses Compostela estoupara: peches masivos nas facultades, pintadas, manifestacións e asembleas; ao 68 compostelán cumpríalle aínda unha banda sonora, máis aló do Venceremos Nós que os manifestantes cantaban ao remate das xuntanzas. Había fame de liberdade, e cando Benedicto cantou: Fuco Buxán, non sintes que na Iberia feden a podre os homes e as paisaxes a sala rompeu a forza de aplausos.

Aquel 26 de abril ademais de Benedicto, que cantou Eu son a voz do pobo, Un home, Loitemos e Carta a Fuco Buxán, subiron ao escenario Xavier con Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra; Guillermo Rojo con Quen tivera vinte anos, Tirade ao chan os fusiles, A vós irmáns, Señor, eu fun poeta; Xerardo Moscoso con Deuda cumprida e Réquiem Nº II; e Vicente Araguas con Comunión, A cea e Eles non sabían cantar.

Xesús Alonso Montero preparou un texto de presentación para o concerto, que se repartiu multicopiado entre o público asistente, e que comezaba dicindo así: "coido que dentro dalgúns anos falarase deste recital como dun feito histórico (...) Dende oxe Galicia ten o que noutros ámbitos menos precarios teñen dende fai tempo: unha canción a altura do intre histórico, unha canción nascida pra desacougar e alumar: unha canción pra acadarmos conciencia dos nosos problemas reales".

"Eu son a voz do pobo"
Uns días despois, o 4 de maio, El Correo Gallego publicou unha reportaxe, titulada Sin Gaita, que incluía datos biográficos dos cinco cantantes, fotografías, declaracións de principios e letras das cancións de Voces Ceibes. No estilo fuxíase do folclore e do folclorismo, manipulado naquel tempo polo franquismo, e mirábase cara a referentes máis universais: a canción francesa (Brassens, Leo Ferré...), pero sobre todo a música anglosaxona: moi claramente Dylan e a canción protesta en clave folkie que o precedera, e mesmo o pop que comezaba a soar nas pick-ups de guateques, pensións e pisos de estudantes.

O grupo aínda non tiña nome; uns días despois reuníronse os cinco cantautores con Alfredo Conde e a súa dona Margariña Valderrama na cafetaría do Hotel Compostela. Contan que naquel tempo nos baños daquela cafetaría podíase ler nunha pintada Galicia ceibe de farrapos e cadeas. Foi Xavier quen propuxo o nome de Voces Ceibes, despois de quedar polo camiño outras denominacións menos afortunadas, como Ovellas negras ou Os biosbardos. Tratábase de estruturar un colectivo de canción protesta ao estilo dos cataláns Els setze jutges ou os vascos Ez dok amairu.

En realidade todo comezara un ano antes. O 9 de Maio de 1967, no estadio da residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela, Raimón ofreceu un concerto multitudinario e bilingüe, cantado en catalán, mais escoitado en galego (mercé á tradución feita e distribuída por Carlos Casares e García-Bodaño), que fixo abrollar en moitos a idea de facer canción de autor en galego.

O 26 de abril non foi unha anécdota, foi o primeiro día dun movemento moi fondo. Como afirmou Benedicto, "a partir daquel día, os boletíns de información da Coordinadora do Movemento Estudiantil comezáronse a facer en galego". De igual xeito, Vicente Araguas definiu en agosto do 70 os obxectivos de Voces Ceibes como a creación dunha "verdadeira conciencia social no pobo galego. O contido das nosas cancións é social e cultural. Pero non é a cultura pola cultura, senón como algo completamente imprescindible para Galicia". Por algo a censura da época vía neles un gran perigo, sobre todo despois de expoñeren as súas liñas programáticas: dignificación lingüística e compromiso coas clases traballadoras, unha claridade expositiva á que non se atreveron os seus coetáneos cataláns, vascos ou madrileños.

Gravación en Barcelona e recitais polo país
Por intermediación do poeta Salvador García Bodaño entraron na compañía catalá Edigsa, na que publicaron un total de dez singles. Nos meses seguintes chegaron trece concertos máis: na A. Cultural de Vigo, no grupo Rumbo de Ourense, no Facho da Coruña, no Galo de Santiago, en Pontevedra... Algúns destes encontros foron prohibidos e multados os seus protagonistas. Como anécdota, en Ferrol, ante un público composto case ao cincuenta por cento de obreiros de Bazán e gardas civís, tiveron que repetir unha e outra vez só as dúas cancións consideradas inofensivas polo censor local. O 1 de decembro de 1968 tivo lugar a outra data clave no grupo: o concerto que ofreceron no Cine Capitol de Compostela, presentado por Manuel María e cuxo cartaz foi deseñado por Reimundo Patiño.

O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción, que supuxo a paralización dos recitais. Despois de ter rexistrado unha certa apertura, o franquismo endureceu a súa represión: peche do xornal Madrid, declaración de sucesivos estados de excepcións en Euskadi, Amador e Daniel asasinados pola policía en Ferrol, ou as execucións de Puig Antich e do proceso de Burgos. Anos duros, nos que os integrantes de Voces Ceibes tiveron que deixar de facer concertos en Galiza, aínda que si actuaron en distintos países de Europa, maioritariamente en centros de emigrantes galegos: Milán, Roma e varias cidades de Suíza e Francia; actuacións auspiciadas polo PCG, pois moitos dos voces ceibes estaban moi próximos aos peixes, ou á súa fronte cultural.

En 1972 colaboraron no elepé colectivo Cerca del mañana, disco clandestino impulsado por CC.OO. no que tamén participaron Elisa Serna, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, ou Lluis Llach. Un álbum que hoxe constitúe una valiosa peza de coleccionista e que na súa portada, negra e vermella, amosaba un mapa de España do que foxen Galicia, Euskadi e Cataluña. Producíranse xa numerosos cambios na composición do grupo, do que saíran Xavier e Guillermo Rojo, e no que entraran Miro Casabella, Xaime Barreiro Gil Chuspe, Tino Álvarez, e xa en 1971 Suso Baamonde e Bibiano.

O grupo desaparece en 1974, tomando os seus integrantes distintos camiños, algúns na música (Benedicto, Bibiano, Casabella, o Movemento Popular da Canción Galega...) e outros fóra dela. Musicalmente a importancia do movemento é discutíbel, máis aló do valor de compoñer cancións en galego con elementos e vocación universal; un movemento de canción de autor coetáneo doutros xurdidos en todo o planeta daquela. Mais é evidente, en cambio, a súa relevancia política e histórica, a valentía dos seus textos e a importancia que tiveron nun tempo no que había moitas cousas que mudar.


4,95/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Miro Casabella, Raimón e Benedicto no Festival dos Pobos Ibéricos
Miro Casabella, Raimón e Benedicto no Festival dos Pobos Ibéricos
Bibiano, guitarra en man
Bibiano, guitarra en man
Cartaz do concerto realizado no cine Capitol
Cartaz do concerto realizado no cine Capitol
Capa dun álbum de Vicente Araguas
Capa dun álbum de Vicente Araguas