Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Referendo este domingo

A Bolivia rica tensa o enfrontamento con Morales

A rexión de Santa Cruz celebra o referendo autonómico declarado "ilegal" polo goberno boliviano.

Redacción - 10:00 04/05/2008

O goberno de Bolivia, co seu presidente Evo Morales á fronte, cualifica de "ilegal" e "separatista" a consulta convocada para este domingo en Santa Cruz e acusa a Estados Unidos de apoiala para debilitar ao propio executivo estatal. Así e todo, desde o contorno do goberno chaman aos cidadáns a absterse ou votar en contra da proposta autonomista. Aproximadamente 900 mil cidadáns están chamados ás urnas para decidir en referendo sobre ese posíbel estatuto de autonomía que lle outorgaría poderes extra á rexión fronte ao goberno estatal.

No fondo do problema está a riqueza en materia prima, nomeadamente hidrocarburos, da que gozan as rexións enfrontadas ao executivo de Evo Morales. Tamén o poder dunha presa de familias que controlan xigantescas extensións de terreo e que usan a loita pro-autonomía como simple ferramenta para manter os seus privilexios fronte aos plans de reforma agraria deseñados polo goberno de Morales.

A Organización de Estados Americanos, OEA; decidiu durante a madrugada do sábado aceptar a petición de apoio realizada polo goberno boliviano, e emitiu un ambiguo comunicado a prol do goberno. Así, nunha resolución asinada polos 34 países membros, a OEA expresa a súa "solidariedade e apoio ao pobo de Bolivia, ao goberno constitucional dirixido polo presidente Evo Morales Ayma, á institucionalidade democrática e ás autoridades elixidas polo pobo boliviano". A maiores, solicita respecto pola orde constitucional e a "integridade territorial de Bolivia" e advirte contra calquera tentativa de ruptura destes. Con todo, o Consello Permanente da OEA evitou tratar especificamente o asunto da consulta popular convocada para este domingo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: