Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza o martes da Mesa do Leite

Nova oportunidade para o "contrato homologado" no sector leiteiro

Optimismo desde Medio Rural sobre as posibilidades de acordo no sector para garantir a estabilidade de prezos.

Redacción - 10:00 04/05/2008

"Hai un escenario propicio para este acordo", manifestaba este sábado o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, ao anunciar a convocatoria da Mesa do Leite para o próximo martes. O obxectivo da xuntanza será a negociación do "contrato homologado" entre produtores e industria. Suárez Canal considera que a conxuntura é boa para a sinatura dun pacto que pode converterse en punto de partida "para darlle estabilidade ás relacións" entre os diversos axentes do sector.

Na opinión do conselleiro, na xuntanza desta semana pode darse "un salto cualitativo" en favor das arelas dos produtores cara a rendas "xustas e dignas". "Cambiar as regras do xogo é unha preocupación prioritaria da Administración galega, posto que os produtores teñen que percibir rendas xustas e dignas polo seu traballo", subliñou.

O Goberno confía en que desta xuntanza saia, se non pechado o contrato, si un documento sobre o que "con matices e en breves semanas", industria e produtores consensúen o escenario cara ao futuro. Nese camiño, Alfredo Suárez Canal destacou a existencia de mecanismos previamente estabelecidos, como é o caso do Observatorio do Sector Lácteo, onde se estabelecen índices obxectivos de evolución de custos de produción e de mercados.

Segundo analizou o responsábel de Medio Rural, a conxuntura de prezos do momento posterior á entrada en funcionamento dese sistema, con cifras á alza, non tería facilitado o consenso. Nese sentido, o conselleiro agarda que nas dúas partes haxa agora "altura de miras" para chegar a un punto de encontro que elimine a incerteza nos ingresos do sector.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: