Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Moción presentada polo BNG

PSOE e PP votan xuntos en Poio contra o manifesto d'A Mesa

Malia o acordo de goberno cos nacionalistas, os socialistas de Poio rexeitaron apoiar a mobilización a prol da lingua e votaron co PP por vez primeira.

Redacción - 13:00 05/05/2008

"Eu sen falar galego fixen máis polo folclore de Galiza que todos vostedes xuntos". Tal frase, pronunciada en español, foi utilizada polo voceiro municipal do PP, Xavier Domínguez, durante o polémico pleno onde saíu rexeitada a proposta sobre o manifesto d'AMesa pola Normalización Lingüística.

Os populares usaron expresións como "rancor", "nova forma de fascismo" ou "ninguneo" aos castelán-falantes, para xustificar a súa oposición a que o Concello de Poio se adherise oficialmente ao manifesto "Polo dereito a vivirmos en galego". A cuestión chegara ao pleno a través dunha moción do BNG, que ostenta a alcaldía, con Luciano Sobral á fronte, e que goberna en coalición co PSdeG-PSOE, despois duns comicios municipais que en 2007 ofreceron un reparto respectivo de 7, 7 e 3 edís para BNG, PP e PSOE.

En declaracións a Vieiros, a concelleira de Cultura, Silvia Díaz (BNG), criticou a intransixencia do PP ao respecto do tema lingüistico, laiándose de que non se poidan unir ao consenso en favor do galego. Ademais, expresou a súa estrañeza pola negativa dos socialistas a apoiaren o manifesto en favor da lingua, recordando ademais que se trata da primeira ocasión desde que se asinou o pacto de goberno en que PP e PSOE votan xuntos. A concelleira recordou tamén que previamente, o grupo local do PSOE amosara a súa disposición a aceptar a proposta, malia votaren despois en contra. Preguntado ao respecto, o concelleiro de Medio Ambiente, o socialista Gregorio Luís Agís, xustificou o voto negativo argumentando que non lles parecía aceptábel o texto do manifestado redactado pola Mesa. Por outro lado, Agís opina que durante o debate no pleno "PP e BNG tiveron argumentos moi semellantes pero en cada estremo, mentres o PSOE se mantivo nunha postura intermedia". "O PSOE defende o galego, pero non cando se convida á confrontación nin se pretende impoñelo ás persoas", afirmou criticando o texto elaborado pola Mesa.


2.88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: