Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pesares das protestas do comunidade internacional

A Xunta Militar birmana decide desenvolver o referendo constitucional

Aínda sofren o paso do ciclón Nargis, que segundo estimacións das Nacións Unidas deixou máis de 100 mil mortos, mais queren seguir adiante coa consulta popular.

Redacción - 11:20 10/05/2008
Vista aérea dunha aldea do delta do Irrawaddy

Vista aérea dunha aldea do delta do Irrawaddy

A Xunta Militar que goberna Birmania comezou este sábado co referendo constitucional que prevían desenvolver antes que acontecese a catástrofe do ciclón Nagis, que segundo estimacións da ONU, podería ter deixado máis de 100 mil mortos no país asiático.

As autoridades birmanas seguen adiante coa consulta popular a pesares das solicitudes chegadas da comunidade internacional para que pospuxesen a convocatoria, ante as terríbeis consecuencias do paso do ciclón. Porén, nalgunhas zonas, como o delta do río Irrawaddy e a cidade de Rangún, as máis afectadas, o plebiscito vaise pospoñer dúas semanas.

A televisión estatal reiterou a pasada sexta feira as peticións para que os cidadáns acudisen a votar, sen mencionar sequera o millón e medio de afectados pola catástrofe do Nagis, que quedaron sen casa e sen comida, ou as decenas de milleiros de mortos e os desaparecidos dende hai xa unha semana. "Aqueles que valoran o benestar nacional deberían ir e votar 'si'", este era o titular que a MRTV amosou na pantalla.

Protestas da comunidade internacional

Xa antes do paso do Nargis, os grupos birmanos que se opoñen ao goberno militar, xunto cos gobernos estranxeiros, liderados polos EUA, tiñan denunciado a constitución e a votación como un intento dos militares de lexitimar os seus 46 anos no poder.

Após os problemas amosados pola Xunta Militar para responder ao desastre, vese, dende fóra, como un "cinismo meirande" o intento dos gobernantes birmanos de seguir adiante coa súa "folla de ruta cara a democracia", que debería terminar cunhas eleccións ás que concorresen varios partidos, en 2010.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: