Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LETRAS 2009

Ti a quen homenaxearías?

Todos os anos están sobre a mesa ducias de propostas con autores, colectivos e entidades merecedores de ser recoñecidos no 17 de maio.

Marcos S. Pérez - 11:45 18/05/2008

Ricardo Carvalho Calero, Lois Pereiro, Xohán Xesús González, Fiz Vergara Vilariño, Eusebio Lorenzo Baleirón, Florencio Delgado Gurriarán, Antonio Fernández e Morales, Pucho Boedo, Xosé María Díaz Castro, Johán Carballeira, Andrés do Barro, Irmandades da Fala, Cuña Novás, Valentín Paz Andrade... Son todos nomes que nos últimos anos veñen soando como posíbeis homenaxeados. A elección realízase tras unha solicitude presentada por tres académicos. As propostas poden ser infinitas pero o habitual é que só sexan efectivas dúas ou tres. Posteriormente, sométese a votación dos asistentes.

O gran nome ausente no Día das Letras, dende hai xa uns anos, é o do ferrolán Ricardo Carvalho Calero, finado en Compostela en 1990. Filólogo e escritor, foi o primeiro Catedrático de Língua e literatura Galegas, en 1972. A súa obra literaria componse de sete poemarios, dúas obras de teatro, e dúas novelas, unha delas (Scórpio), galardoada co Premio da Crítica. Porén, é segurmante o seu labor como lingüísta e ensaísta a que sobresae e faino merecedor da homenaxe: 17 obras teóricas, algunhas fundamentais na historia de Galiza, como História da Literatura Galega Contemporánea.

Está considerado o gran teórico do reintegracionismo, e seguramente radica aquí o meirande atranco para que finalmente Carvalho Calero sexa homenaxeado pola Real Academia. Dende hai uns anos, pero nos últimos meses con gran forza, diversos colectivos sociais e culturais téñense posicionado publicamente a prol do recoñecemento para o pensador ferrolán, e precisamente o pleno da cidade departamental aprobou este ano unha moción neste senso.

A designación de Carvalho Calero, inzada de obstáculos, está a recibir innúmeros apoios de entidades (Ateneo Ferrolán), partidos políticos (o Consello Local do BNG de Ferrol reuniuse o 8 de maio con Xosé Ramón Barreiro para solicitar oficialmente a homenaxe para o lingüista) e autores, intelectuais e outros persoeiros, encabezados por Xosé Luis Méndez Ferrín, membro da RAG, e que recentemente manifestou a súa adhesión á campaña. Tamén apoiaron a Carvalho Calero Miguel de Lira, Comba Campoy, Iolanda Díaz... E a meirande parte dos centros sociais do país, como o Artábria de Ferrol ou A Revolta de Vigo.

Sempre se di que Lois Pereiro nunca será homenaxeado no Día das Letras mentres que a inmensa maioría dos membros da RAG (que debe tomar a decisión final) teñan máis idade que a que Pereiro tería de estar vivo. Lois Pereiro morreu en 1996, hai xa doce anos, cortando a SIDA a traxectoria dun dos autores máis orixinais das letras galegas no século XX, malia ter publicado en vida apenas un libro, Poemas 1981/1991, completado cun poemario póstumo, Poesía última de amor e enfermidade, e unha novela inconclusa, Náufragos do Paraíso.

De ser elixido para 2009, como dixo Jaureguizar, por primeira vez poderíamos ver un dos homenaxeados falándolle á televisión. Na enquisa proposta por Vieiros hai dous anos sobre a quen se lle debería dedicar o Día das Letras no 2006, Lois Pereiro gañou con moita diferenza entre os nosos lectores. O seu verbo descarnado, directo e radical chega até a súa tumba, na que se pode ler "Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria".

A memoria da guerra e a represión
No 2006, ano da memoria, soou con forza o nome de Ánxel Casal. Fundador das editoriais Lar (1924) e Nós (1927), e editor de A Nosa Terra e da propia revista Nós. Militante do PG dende a formación do partido, foi alcalde de Santiago dende febreiro de 1936 até o 9 de xullo. O 16 de xullo entrega nas cortes o Estatuto de Autonomía aprobado en referendo, pero regresa a Compostela para tratar de impedir o éxito do golpe de estado, facéndose cargo da Alcaldía, e tratando de organizar a resistencia. Escapa para a parroquia de Vilantime, en Arzúa, pero foi detido o 4 de agosto e asasinado 15 días despois.

Do mesmo xeito reclámase unha homenaxe para Johán Carballeira (1902-1937). Carballeira foi xornalista, desenvolvendo o seu labor en diversos medios, destacando o seu traballo en El Pueblo Gallego. Como poeta pertenceu á xeración de vangarda, aínda que non chegou a publicar obra ningunha, malia a estar traballando no poemario Cartafol. Foi militante destacado do Partido Galeguista e cando se produce a sublevación fascista era alcalde de Bueu. Preso na Illa de San Simón, foi executado en 1937.

Tamén foi asasinado no comezo da guerra civil outro dos posíbeis homenaxeados, Xoán Xesús González, fundador da Unión Socialista Galega, que procuraba aunar as ideoloxías socialista e galeguista. Autor dun poemario, de varias obras de ensaio, e de dúas novelas: Ana María e A modelo de Paco Asorey, en 1936 participou na creación da Asociación de Escritores de Galicia, impulsada por Ánxel Casal. Ao estoupar a sublevación fascista, comandou unha columna de mineiros de Lousame para marchar sobre A Coruña. Fracasado o intento, foi fusilado no cemiterio Compostelán de Boisaca en setembro de 1936.

Algúns poetas
Moi distinto é o caso de Eusebio Lorenzo Baleirón, autor falecido en 1986 cando non contaba máis que 24 anos. Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa en 1985, e durante os seus anos universitarios foi publicando poemas soltos en distintos espazos, así como traballos de investigación literaria, como os que apareceron en Grial. En 1985 editou os seus dous únicos libros: O corpo e as sombras e Os días olvidados. Faleceu un só ano despois, en 1986, deixando unha gran cantidade de composicións, como Herdanza da néboa, que fora finalista do premio Esquío en 1982, Gramática do silencio, que fora finalista do mesmo certame, pero en 1985, ou Os ollos no camiño, que fora o galardoado co premio Celso Emilio. A súa obra segue as liñas da poesía galega dos oitenta, caracterizada polo culturalismo e a vontade esteticista.

En 1997 morreu no seu concello de Samos Fiz Vergara Vilariño, integrante do colectivo poético Cravo Fondo. A súa poesía evoluíu dende uns inicios máis ligados á poesía social (Para vós e Encontro cos tiburós) cara obras máis intimistas (Orfo de ti en terra adentro, Poeta muiñeiro á deriva, Nos eidos da bremanza).

Florencio Delgado Gurriarán está apoiado por distintas institucións e asociacións da comarca de Valdeorras, destacando un acordo do pleno do Concello do Barco, ou a actividade do Instituto de Estudos Valdeorreses e o dramaturgo Anxo Baranga; así mesmo, a súa candidatura recibiu o respaldo do grupo de teatro galego-barcelonés Furafollas. Delgado Gurriarán fuxiu da represión fascista a través de Portugal e ao chegar a Barcelona converteuse do responsábel de Propaganda do Partido Galeguista. Despois da Guerra Civil marchou ao exilio a México, onde se estableceu definitivamente e onde foi un dos fundadores da revista Vieiros. Entre a súa produción literaria destacan algúns poemarios, como Bebedeira, Cantarenas, O Soño do Guieiro e sobre todo Galicia infinda.

Tamén ten sido proposto para as Letras o poeta chairego Xosé María Díaz Castro, falecido en 1989, cunha produción literaria moi breve (un só poemario, Nimbos), pero de grande importancia, entre os que destacan os coñecidos versos Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move.

Tense proposto así mesmo unha homenaxe colectiva para os integrantes das Irmandades da Fala. Ou tamén para Valentín Paz Andrade, director do xornal Galicia entre 1922 e 1926, secretario do Partido Galeguista dende 1934, e impulsor de Pescanova na postguerra cando seguiu relacionándose cos círculos galeguistas.

E se non fose un escritor?
En 2005 houbo unha campaña moi forte para que o Día das Letras de 2006 se dedicase a Pucho Boedo. Cumpríanse vinte anos do seu falecemento, e Manuel Rivas ou Xurxo Souto querían afirmar coa homenaxe a importancia para a lingua e a cultura galega contemporáneas da canción popular, e a forma en que os temas do dúo Pucho-Rómulo difundiron os textos de Curros, Celso Emilio ou Rosalía. En 2009 farán vinte anos do pasamento de Andrés Dobarro, recuperado nos últimos tempos e recoñecido como o cantante pop galego máis importante do século XX. Non sería estraño que o seu nome comezase a soar de novo para protagonizar as Letras.

Nomes para o 2010, 2011...
Hai quen adía a campaña até o ano que vén, o Día das Letras do 2010. É o caso do conxunto de colectivos que apoian a homenaxe a Uxío Novoneyra, falecido en 1999 e que en base aos estatutos que regulan o recoñecemento outorgado pola RAG aínda non podería optar a ser o escollido para 2009. Adega ou Galiza Sosego xa teñen amosado o seu apoio á candidatura.

Tamén ten un percorrido máis longo a campaña de apoio ao berciano Antonio Fernández e Morales. Os colectivos e persoas que defenden a súa candidatura fano para o ano 2011, momento en que se cumprirán 150 anos da publicación dos Ensaios poéticos en dialecto bercián, obra publicada dous anos antes cós Cantares Gallegos. Todos os anos honrase a Fernández, o máis importante autor do galego estremeiro, cunha ofrenda floral en Cacabelos.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Artábria está a realizar unha campaña moi activa a prol de Carvalho Calero
Artábria está a realizar unha campaña moi activa a prol de Carvalho Calero
Lois Pereiro
Lois Pereiro
Ánxel Casal e a súa dona
Ánxel Casal e a súa dona