Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
"BILINGÜISMO INTEGRADOR"

Touriño di que "fracasarán" os intentos de dividir a cidadanía pola lingua

Quintana afirma que as empresas que renuncien ao galego perderán "un dos seus factores fundamentais", porque é unha "marca distintiva".

Redacción - 18:09 15/05/2008
Touriño presidiu en Padrón os actos do Día das Letras / Xoán Crespo

Touriño presidiu en Padrón os actos do Día das Letras / Xoán Crespo

O presidente da Xunta tachou de "vans, estériles e condenados ao fracaso" os intentos de separar a cidadanía por mor da lingua, e reafirmou o compromiso do Goberno "co proceso de recuperación lingüística". Nun acto que tivo lugar na Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón, co gallo do Día das Letras, Touriño apostou por "un bilingüismo libre e integrador".

Tamén dixo que o galego "é un patrimonio de toda a cidadanía" e lembrou que tanto a Constitución Española como o Estatuto de Autonomía lle aseguran "a súa presenza no espazo público" para garantir "a igualdade de todos os cidadáns, sen discriminacións por razóns de lingua e chegar a "un auténtico bilingüismo, libre e integrador".

Emilio Pérez Touriño díxolle non "a unha Galiza monolingüe", e citou o uso de ferramentas como a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e a xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional para "asegurar a convivencia lingüística en igualdade e liberdade, preservar a riqueza idiomática de Galiza e garantir a todos os cidadáns o exercicio dos seus dereitos”.

Tamén na empresa
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta convidou a "seducir" o empresariado para que use o galego como "marca distintiva" para competir no mercado internacional. Anxo Quintana falou do gran paso que ten que dar Galiza para "convencer o conxunto da poboación de que o galego serve para todo". Ademais, alertou de que as empresas do país perderían "un dos seus factores fundamentais" se renunciasen a empregar a lingua.

Quintana tamén fixo referencia ao rexeitamento do PP a apoiar unha iniciativa parlamentaria a prol do galego no comercio, e amosouse confiado en que a oposición se sume ao acordo, porque na defensa do idioma téñense que "comprometer todos".


2.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: