Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Despois da clasificación de Molares e Portela

Prata para Carlos Pérez no Europeo, mais sen a certeza de estar en Beixín

A Federación estatal escolle que embarcación de K-2 debe ir aos Xogos Olímpicos, a de 500 ou a de 1.000 metros. Na primeira rema o galego, xunto co catalán Saúl Craviotto.

Redacción - 11:40 19/05/2008

Galiza conquistou en Milán, no Campionato Europeo, dúas medallas: a de prata conseguida por Carlos Pérez Rial, Perucho, (con Saúl Craviotto, en K-2 500), e a de bronce, que levou o equipo de K-4 feminino (composto polas galegas Sonia Molanes e Teresa Portela, alén de Beatriz Manchón e Jana Smidakova).

O equipo estatal asegurouse catro prazas máis, a sumar á de David Cal, para as Olimpíadas de Beixín 2008, mais aínda queda por saber quen vai viaxar á China en realidade.

As mozas galegas si que van a Beixín, posto que conseguiron o seu pasaporte, tras gañar o bronce en K-4 (ten praza en K-2, Molanes, xunto con Manchón; e en K-1, Portela). Mais agora queda por saber que embarcación de K-2 poderá competir en Beixín, se a de 500 metros (onde está Carlos Pérez) ou a de 1.000, na que reman o asturiano Javier Hernanz e o palentino Diego Cosgaya. As dúas embarcacións asinaron o mesmo resultado no Europeo (conseguiron o subcampionato e a prata), pero unha delas ha quedar descartada segundo as regras de participación que manexa a Federación Española. A decisión final hase facer pública o domingo que vén no embalse de Santa Cruz de Trasona.

Con respecto a Atenas 2004, o equipo estatal perde presenza (galega) en dúas categorías: K-1 e C-1. Na primeira remaban o galego Jovino González e Emilio Merchán, que non lograron os seus obxectivos non en 500 nin en 1.000. En C-2 tampouco se clasificaron os veteranos olímpicos Bea e Mascato, nin os máis novos, Miguel Galbán e André Oliveira.

No domingo terminou o campionato
Con bos resultados para as embarcacións galegas. De feito, en K-2 feminino, a galega Sonia Molanes e a andaluza Beatriz Manchón acabaron sextas, revalidando o billete para Beixín que xa levaban no peto dende sábado.

Na última xornada do campionato continental disputáronse tamén catro finais B de 500 metros con presenza galega. Cal terminou segundo en C-1 (xa fora primeiro o día anterior, na final B dos 1.000 metros), mentres que Jovino González e Teresa Portela foron cuartos en K-1. O K-4 masculino con Pérez Rial e Craviotto, foi último, porque os palistas gardaron forzas para a final A de K-2.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: