Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECLARACIÓNS EN MADRID

Núñez Feijoo volve pedir unha lei que impida as coalicións de goberno

O presidente do PPdeG di que os socialistas se "venderon" ao BNG por unha política de "imposición" lingüística.

Redacción / EP - 18:05 19/05/2008
Núñez Feijoo con Mariano Rajoy, presidente do PP, e Alberto Ruiz Gallardón, alcalde de Madrid

Núñez Feijoo con Mariano Rajoy, presidente do PP, e Alberto Ruiz Gallardón, alcalde de Madrid

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, volveu pedir este luns unha reforma da lei electoral para que só poida gobernar o partido máis votado. Nunha intervención en Madrid, no Forum Nueva Economía, Feijoo pediu unha reforma que "perfeccione o sistema democrático" e que "se alguén se presenta ás eleccións de forma conxunta hao de facer de xeito transparente, que as coalicións teñen que pasar polas urnas".

Para o responsábel do PP en Galiza, actualmente no Goberno hai "división", que é o "pecado orixinal" dun bipartito "cegado polo obxectivo común de que o PP non gobernase". Nesa liña, asegurou que os socialistas téñenlle que "pagar" ao BNG un "prezo" para gobernar, que é a política lingüística: "Deixoulle a porta aberta para que as clases en educación primaria e secundaria se impartan só en galego".

Núñez Feijoo amosouse a favor da "liberdade" de escolla e do "bilingüismo" para, paradoxalmente, non "afogar o galego". Por último, o responsábel do PP en Galiza tamén se amosou favorábel a que os emigrantes voten nas mesmas condicións ca os residentes no Estado, como pactaron os tres grupos do Parlamento.

Reacción do PSdeG
O voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, acusou a Feijoo de "mentir con descaro" e de ter unha postura "antidemocrática" sobre as coalicións de goberno. Deste xeito, reafirmou que o bipartito "emana das decisións dos cidadáns expresadas nas urnas", e dixo que unha lei nunca "poderá obrigar a que goberne o PP contra a opinión da cidadanía".


1.36/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: