Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta terza feira

Quintana afirma que o Consello Galego das Mulleres será unha realidade esta lexislatura

Vicepresidencia subliña que o órgano vai servir para darlle voz e capacidade de decisión ao tecido asociativo feminino de Galiza.

Redacción - 19:05 20/05/2008
O vicepresidente na comisión

O vicepresidente na comisión

O vicepresidente Anxo Quintana compareceu no Parlamento, na Comisión non permanente para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, e anunciou a creación deste novo órgano, ademais de expoñer as actuacións (no campo do emprego, na creación dunha rede de equipamentos públicos de igualdade e benestar e para a maior visibilización e participación das mulleres) postas en marcha dende o seu gabinete para acadar a igualdade real entre mulleres e homes na Galiza actual.

O Consello Galego das Mulleres

Quintana asegurou que Galiza é un país feito por mulleres, e tras anos de marxinación e subordinación, "agora é o tempo das mulleres e de escribir en feminino". Para isto, para darlle máis voz ás mulleres, vaise crear o Consello Galego das Mulleres, previsto na Lei Galega para a Prevención e o Tratamento integral da violencia de xénero.

O novo órgano vai ter, entre outras funcións, a de elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos, avaliar programas e iniciativas das diferentes Administracións, recoller das Administracións a información necesaria, promover a creación de consellos locais e comarcais de mulleres, elaborar informes sobre a situación da igualdade en Galiza ou ser escoitado antes da elaboración e aprobación dos plans de igualdade, de violencia ou de corresponsabilidade que se leven adiante.

Na actualidade estase a traballar no decreto que ha regular o Consello, mais o Goberno prevé poñelo en marcha antes de que termine esta lexislatura porque, segundo dixo Anxo Quintana, é un necesario "órgano que vai contribuír á promoción da autonomía e do empoderamento das mulleres e da súa participación na vida cultural, política, económica e social de Galiza".


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: