Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROGRAMACIÓN ESPECIAL

O CGAC celebra o seu aniversario sen grandes cambios no horizonte

Algunhas das actividades, que en xeral incidirán na participación dos cidadáns, servirán para facer unha reflexión retrospectiva sobre o centro de arte.

Redacción - 09:17 30/05/2008

A arte non son obxectos, senón a relación que as persoas estabelecen con eles. Polo tanto, un museo tampouco é un edificio, e moito menos o CGAC, cunha dupla condición de museo e de centro de arte. Nestes 15 anos o Centro Galego de Arte Contemporánea serviu de espazo expositivo, mais tamén cumpriu unha función de mediador entre os artistas e a sociedade, de educador e construtor de sensibilidade artística.

Os 15 anos son un bo momento para facer un balance, de reflexionar sobre o feito para que experiencia axude a dar un pulo de cara ao futuro. O CGAC celebrará ao longo do verán unha serie de actividades para conmemorar o aniversario, unha celebración que terá como momento central os días entre o 19 e o 22 de xuño. Eses días o museo permanecerá aberto até despois da medianoite, permitindo a máis xente visitar as instalacións.

Serán pois días de festa e de reflexión, aínda que non se esperan grandes cambios, sobre todo no que respecta á personalidade xurídica do centro, segundo declarou este xoves a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Actividades dende o 19 de xuño
A primeira actividade prevista é a exposición 'Situación', que se inaugurará o 19 de xuño. Trátase dunha mostra que reunirá obras específicas de seis novos artistas galegos, que residen fóra do país: Mónica Cabo, David Ferrando Giraut, Rubén Grilo, Enrique Lista, Carlos Rodríguez-Méndez e Rubén Santiago. A programación especial polo 15º aniversario inclúe tamén un ciclo de música, coas actuacións de The Tiger Lillies e RNST DJ (día 20) e de Ecléctica Ensemble e DJ Nathan Carter VJ Nela (Día 21) e de Othon.

No resto do verán, o CGAC programará un amplo conxunto de actividades, destacando o cinema e as performances. En xullo e agosto, o CGAC acollerá unha nova edición do programa 'Cine de Verán', que no primeiro mes estará coordinado polo artista Diego Santomé, coa proxección de Celebración, Little Miss Sunshine, O festín de Babette e O anxo exterminador; e no de agosto polo profesor de Historia do Cine Xosé Nogueira, con Día de festa, Plácido, Atrapado no tempo e Os amigos de Peter.Tamén haberá un Ciclo de Performance os días 6, 13, 20 e 27 de agosto, que se desenvolverán no Parque de Bonaval, cos artistas María Marticorena, Miguel Noguera, María Gil e Félix Fernández. Segundo Manuel Olveira, con esta iniciativa o CGAC "expándese" fóra dos seus muros.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ánxela Bugallo e Manuel Olveira, este xoves na presentación dos actos do 15 aniversario
Ánxela Bugallo e Manuel Olveira, este xoves na presentación dos actos do 15 aniversario
Unha imaxe do exterior do CGAC
Unha imaxe do exterior do CGAC