Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bernal Rúa, membro do colectivo Gz Vídeos

"Queremos darlle cabida ás noticias que son silenciadas polos medios empresariais"

O Día das Letras abriron unha web que pretende aglutinar todos os activistas audiovisuais do país, como unha plataforma aberta de denuncia, contrainformación e contra-publicidade que emprega o vídeo.

A. Rodríguez - 09:30 31/05/2008

Ademais de faceren documentos audiovisuais dos movementos sociais e contestatarios de Galiza, a plataforma Gz Vídeos naceu na rede o pasado 17 de maio para darlle voz a quen moitas veces non a ten, e quen non consegue saír nas noticias nin nos medios empresariais día a día, a pesar de saír á rúa a loitar contra o ladrillo, o cemento, a violencia, a contaminación; e a favor da cultura e da lingua.

En Vieiros xa temos empregado os seus vídeos (hai unha semana fixeron un sobre a manifestación organizada en Vigo polo colectivo A Ría non se Vende), e agora entrevistamos un dos membros do colectivo, Bernal Rúa, para saber como naceu a idea e como funciona a plataforma que chama a apagar a TV e prender "a túa mente".

Vieiros: Iso mesmo; como naceu a idea de crear esta plataforma e como funciona Gz Vídeos?
Bernal Rúa: Gz Vídeos xurdiu da confluencia de varios vídeo-activistas que estaban a realizar, pola súa conta, audiovisuais das actividades dos movementos sociais galegos, que logo facían públicos empregando plataformas como o YouTube ou Blip.tv. Apoiábanse nas tecnoloxías que ofrece o sistema, para crear emisións creativas de contra-información e contra-publicidade, contra ese mesmo sistema.

Cando nos xuntamos vimos necesaria a creación dunha plataforma propia, que aglutinase a nosa produción; unha canle contra a censura dos medios empresariais. O proxecto foi medrando con materiais propios cunha temática común: a defensa do idioma, da cultura galega, a loita contra o sistema... sempre empregando software libre e baixo licenzas libres, Copyleft, dominio público... Defendendo outro modelo de xestión no que se refire á propiedade intelectual.

Non tentamos constituír unha plataforma propagandística nin facer proselitismo dalgúns colectivos. Só dar cabida a noticias que son silenciadas mediaticamente.

Que se pode atopar na súa Web?
A web, que se activou o pasado 17 de maio, contén materiais feitos hai tempo e colgados na rede que decidimos poñer en común e centralizar, mais tamén novos materiais creados por nós ou enviados por outra xente. A idea é que cada vez se unan máis creadores, e por iso habilitamos un formulario na páxina para que quen queira nos mande os seus traballos relacionados cos movementos sociais e de protesta de Galiza e as plataformas que van xurdindo, alén das actividades dos centros sociais (que é onde se xuntan, moitas veces, os movementos asociativos do país).

E téñenlle chegado xa solicitudes de fóra do colectivo, para incluír novo material audiovisual?
Para o pouco tempo que levamos, xa nos teñen chegado cousas, como material das anteriores manifestacións contra Reganosa, por exemplo. Tamén temos unha sección internacional onde hai vídeos non relacionados con Galiza. Neste apartado hai dende documentais da loita antiglobalización até denuncias da violencia policial noutros lugares do Estado Español. Até o de agora as cousas foron chegando aos poucos, pero aspiramos a que os contidos vaian medrando, a que a xente coñeza a páxina, e que aumenten as visitas e os envíos de novo material.

Ademais da parte documental, teñen unha sección dedicada á ficción, non é?
Si, o espazo Kinoki, onde van os audiovisuais que non subimos á portada. Kinoki recolle a produción máis creativa, a máis "artística", así entre aspas, como por exemplo a animación, que non ten unha doada difusión. Ao noso entender é a segunda sección en importancia en Gz Vídeos, e nela hai algunhas curtas e contra-publicidade.

Como seleccionan os materiais que suben á rede?
Temos unha asembleia de edición que xestiona a web e selecciona e publica os materiais recibidos, ademais de realizar as pezas audiovisuais que se inclúen en Gz Vídeos. Temos un calendario con posíbeis mobilizacións, palestras ou actos que queremos gravar. Na medida do posíbel, mantemos un contacto fluído entre nós (somos xente de distintos lugares de Galiza) e tentamos xuntarnos semanalmente para coordinar as próximas gravacións e edicións colectivas de vídeos.

E están a empregar outras plataformas, ou mesmo algúns medios, na rede, os seus vídeos?
A acollida da web foi moi positiva para acabar de comezar hai pouco tempo. Pero temos a esperanza de medrar máis, e constituírnos como un medio de contra-información audiovisual que poida chegar a referenciarse, que sexa unha ferramenta que implique a máis xente e que cree unha sólida comunidade de activistas.


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Captura da web, na sección Kinoki, a dos contidos creativos como clips de música, animación, curtas...
Captura da web, na sección Kinoki, a dos contidos creativos como clips de música, animación, curtas...
A interface principal, cos últimos vídeos (o da manifestación pola lingua, do pasado 18 de maio, e o d'A Ría non se Vende)
A interface principal, cos últimos vídeos (o da manifestación pola lingua, do pasado 18 de maio, e o d'A Ría non se Vende)