Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
fútbol

Os xogadores do Celta comezan a asesorarse ante o inminente cese dos pagos

O clube celeste está a piques de acollerse á Lei Concursal e os futbolistas procuran informarse cos seus avogados, mentres desmenten que estean a organizar unha folga.

Redacción - 18:19 05/06/2008
Mouriño atendendo os medios de comunicación

Mouriño atendendo os medios de comunicación

O gabinete xurídico do Celta está a arranxar toda a documentación para presentala ante o Xulgado do Mercantil de Pontevedra para solicitar a apertura dun proceso concursal no clube, isto é, acollerse a unha lei, a Concursal, herdeira da suspensión de pagos, que se emprega para sacar a flote sociedades en crise, facendo tempo para negociar cos acredores o xeito de pagar as débedas contraídas.

Nos casos deportivos, acollerse á Lei Concursal, e que o propio concurso sexa admitido polo xulgado do mercantil, significa que non se pode facer xa ningún pago das débedas anteriores, até que se aprobe o convenio de acredores. Isto significaría non pagar as nóminas dos xogadores, estando cuberto. Por outro lado, non significa asumir as funcións do consello de administración, nin marcar a política de fichaxes, aínda que este apartado ten a ver coa dispoñibilidade económica e o plan de viabilidade que se elabore para esa sociedade.

Os xogadores aseguran que non van ir á folga
Aínda que dende o Celta non confirmaron nin desmentiron nada oficialmente, a xulgar polos comunicados emitidos polo clube, o proceso semella inevitábel, e mesmo se especulou coa posibilidade de que os futbolistas do Celta se puxesen en folga, cousa que desmentiron, a un tempo, os capitáns celestes, Fabián Canobbio, Esteban, Jorge Larena e Jesús Perera, dicindo que dende o cadro de xogadores non pensaron en tomar ningunha medida de presión, asegurando que han afrontar os dous partidos que lles quedan "con absoluta profesionalidade". Mais, por outra banda, os xogadores solicitaron asesoramento legal para saber que facer se as cousas seguen como se prevé.

Os xogadores dábanse de conta a pasada segunda feira, nunha xuntanza co director xeral do clube, Antonio Chaves, na que lles explicou que o paso estaba a piques de ser dado. O día a seguir o cadro de xogadores pediu unha xuntanza persoal co presidente, Carlos Mouriño, quen lles transmitiu unha mensaxe de tranquilidade, ao tempo que os convidaba a unha nova xuntanza que se ha desenvolver esta sexta feira na sede do clube.

"A día de hoxe todo funciona con total normalidade"

Estas foron as palabras pronunciadas polo porteiro celeste, Esteban, en conferencia de prensa. "O clube deunos tranquilidade, pediunos confianza neles. Os que levamos tempo e coñecemos como se manexa o presidente sabemos que se el nos pide tranquilidade e confianza en el, que até o de agora sempre deu a súa palabra, vale como unha sinatura. De feito, eu nunca asinei con el nin un pagarei para cobrar, sempre foi a súa palabra e sempre se cumpriu", asegurou.

Esteban tamén se refería aos ruxerruxes que falaban dunha posíbel folga dos xogadores: "o que falou de folga está moi desinformado, porque para convocala ten que haber motivo, e nós non temos ningún".

Ao tempo o porteiro, que se escusaba no seu descoñecemento do procedemento que vai seguir o clube pola vía xurídica, aseguraba que cada un dos seus compañeiros están asesorándose, cos seus avogados, sobre que medidas tomar. Tamén salientou que ningún dos xogadores se puxo aínda en contacto coa AFE (Asociación de Futbolistas Españois) posto que "non se deu ningunha circunstancia para facelo".

Para terminar Esteban asegurou que o vestiario "en global está coma min. Todos lemos a prensa e escoltamos a radio, e ves todas as posibilidades. Ás veces, como veterano, pregúntanche, sobre todo a xente que non coñece o funcionamento do clube. É normal, estamos todos un pouco expectantes".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Esteban, durante a conferencia de prensa
Esteban, durante a conferencia de prensa
Un afeccionados terma dunha bufanda do Celta, nun partido contra o Getafe / Flickr: alfonsofontan
Un afeccionados terma dunha bufanda do Celta, nun partido contra o Getafe / Flickr: alfonsofontan