Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 19 AO 26 DE XULLO

A Mostra de Teatro de Ribadavia trae as últimas montaxes de Familie Flöz, Camut Band ou Uroc

Lagarta Lagarta, gañadora do premio do público na edición do ano pasado, representará 'Aeroplanos', a súa última montaxe.

Redacción - 09:10 06/06/2008

As últimas montaxes de Familie Flöz, Camut Band, Uroc, Meridional ou Circolando, unha performance de perruquería creativa e un espectáculo só para mulleres ambientado nun baño musulmán tradicional estarán este ano entre as apostas estrela da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A MIT reunirá, entre os días 19 e 26 de xullo, a dúas ducias de compañías de Galicia e do resto do Estado, e tamén de Alemaña, Brasil, Portugal e Arxentina, en actuacións espalladas por toda a vila.

A compañía Teatro en el Aire recreará na igrexa da Madalena un hamman, un baño tradicional musulmán, nun espectáculo reservado en exclusiva para o público feminino. La piel del agua é unha montaxe que explora, a través da participación e da experiencia, o universo común das mulleres de todo o mundo, a través dun dos poucos espazos nos que, antiga e actualmente, elas poden manifestar as súas opinións nas sociedades musulmás.

A MIT ofrecerá tamén as últimas apostas de compañías de relevo internacional como Familie Flöz ou Circolando. Os primeiros, alemáns, representarán a través das máscaras de Hotel Paradiso unha comedia negra na que os responsables dun hotel nos Alpes intentan desfacerse dun cadáver; os segundos, portugueses, encherán as rúas da capital do Ribeiro de fanfarria, soños, auga e obxectos simbólicos coa performance poética e visual Charanga.

Dentro da aposta da MIT para o 2008, o público poderá ver tamén espectáculos como Adosad@s, da compañía Uroc, impulsada por dous pesos pesados da escena española (Juan Margallo e a televisiva Petra Martínez). Outro espectáculo destacado será Aeroplanos, a última creación de Lagarta Lagarta. A compañía de Ernesto Chao acode á MIT en calidade de gañadora do premio do público na edición do ano pasado. Teatro Meridional, pola súa banda, revelará en La verdadera historia de los Hermanos Marx a existencia dun documental secreto sobre os famosos cómicos que alterará a nosa visión da historia do século XX.

Pregón e inauguración
Ademais, a organización da MIT vén de confirmar que a pregoeira desta edición será a actriz galega María Bouzas. O acto de lectura levarase a cabo durante a inauguración, o sábado 19 ás sete da tarde. Con esta incorporación, queda a punto de pecharse o programa para esta edición número 24, na que a MIT conta con nova imaxe e unha web, www.mitribadavia.com, na que se poden consultar todas as novidades.

Premio Abrente
Neste mesmo sitio en Internet poden consultarse as bases do Premio Abrente para Textos Teatrais, convocado polo Concello de Ribadavia e dotado con 3.000 euros para o gañador. Trátase dun dos galardóns máis importantes no panorama da escrita teatral galega, e o fallo do xurado que o concede farase público coincidindo coa celebración da Mostra. O Premio Abrente chega neste 2008 ao seu terceiro ano de existencia. Os orixinais, escritos en galego, deberán facerse chegar ao Concello de Ribadavia por quintuplicado e baixo o sistema de plica antes do día 30 de xuño, e a súa temática e extensión son libres. O Concello publicará a obra premiada, e poderá contratar unha compañía teatral galega para realizar a montaxe e representación da obra.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: