Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTA ATRÁS PARA OS COMICIOS GALEGOS

O BNG prepara unha Asemblea Nacional para elixir candidato á Xunta

Aínda que ninguén dubida que Quintana volverá ser o cabeza de cartel, as diferentes tendencias reorganízanse para tomar posicións internas.

R.Vilar - 12:00 06/06/2008

A pouco máis de nove meses dos comicios galegos, o BNG prepara unha Asemblea Nacional para nomear candidato á presidencia da Xunta. Aínda que non hai data para a mesma, fontes da organización consideran que a cita podería ter lugar no último trimestre do ano. A obrigatoriedade da asemblea discutiuse nun Consello Nacional celebrado o pasado mes de maio. Os estatutos explicitan que os afiliados teñen que escoller o candidato á Xunta.

O BNG vai estrear así nos vindeiros meses (logo dun duro debate na última Asemblea Nacional celebrada en 2006) a primeira asemblea por delegados da súa historia. Cada comarca designará os seus representantes en función do número total de afiliados. Agárdase que sexan arredor de 1.500 os militantes con dereito a voto. Porén hai quen considera que, para evitar tensión internas a poucos meses dos comicios, a dirección podería dar a sorpresa e permitir unha asemblea aberta a toda a militancia.

Ninguén dentro do BNG, incluso os seus opositores, dubida que Anxo Quintana repetirá como candidato á presidencia da Xunta. Porén, resta por ver se vai haber algunha outra proposta. Un precedente hai que buscalo en 2003, cando Camilo Nogueira se presentou como candidato alternativo, obtendo algo máis do 22% dos votos fronte a un 75% de apoios que logrou o de Allariz.

Mensaxe de unidade en vésperas de eleccións
Nestes momentos aínda non está decidido se a asemblea vai ser de carácter extraordinario ou ordinario. A diferenza é clara: se é extraordinario, o cónclave nacionalista só elixirá o candidato; se se opta polo segundo caso, haberá que renovar todos os órganos de dirección e discutir as teses políticas da organización.

Hai que lembrar que a última Asemblea Nacional ordinaria na que se mudou a Executiva Nacional tivo lugar en decembro de 2006. Os estatutos establecen que a seguinte asemblea ten que ser entre 2 e 3 anos despois (neste caso entre decembro de 2008 e decembro de 2009). Fontes da dirección nacionalista consultadas por Vieiros consideran que o máis probábel é que se opte por unha asemblea extraordinaria “máis tranquila” para elixir o candidato este mesmo outono e que se adíe para despois dos comicios autonómicos a ordinaria.

Movementos internos
Conscientes de que o BNG ten que enfrontarse nos vindeiros 18 meses a tres citas claves (elección de candidato á presidencia da Xunta, comicios galegos e Asemblea Nacional) as diferentes sensibilidades que conviven na fronte nacionalista apuntalan as súas estruturas internas.

O chamado sector “quintanista”, unha corrente que ten como centro de gravidade ao actual voceiro nacional do BNG, celebrou o pasado sábado unha reunión nun céntrico hotel de Compostela. Ao encontro acudiron preto de 300 militantes de todo o país e no mesmo decidiuse os nomes dos coordinadores nas diferentes comarcas e a estratexia a adoptar de cara os comicios. Ademais do vicepresidente da Xunta, na reunión atopábanse numerosos cargos do Goberno, concelleiros, alcaldes e deputados.

Pola súa parte, o que segue a ser o partido hexemónico dentro do Bloque, a UPG tamén está a manter reunións para definir o seu posicionamento. O seu secretario xeral, Francisco Rodríguez, que até este mesmo ano ocupaba un escano en Madrid, é agora o encargado de robustecer e reorganizar internamente o partido.

O denominado “sector crítico” (Encontro Irmandiño, Movemento pola Base e A Alternativa) que na Asemblea Nacional de 2006 aglutinou o 38% dos votos da militancia tamén move pezas. A pesar dos múltiples contactos dos últimos meses para coordenar unha posición común, cada corrente mantén a súa autonomía. Aínda así, as críticas cara a dirección son as mesmas: consideran que a mensaxe nacionalista e de esquerdas está diluída á vez que consideran que os órganos de decisión internos perderon peso.


4,5/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: