Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MERCEDES PEÓN, PREMIO NACIONAL DE MÚSICA

"Aínda que semella que a tradición é estática, non o é"

O galardón recoñeceu á artista que triunfa en galego en todo o planeta, e que explora novos camiños sonoros a partir da tradición.

Marcos S. Pérez - 10:25 08/06/2008

Con tan só tres álbumes, Isué (2000), Ajrú (2003) e Siha (2007), Mercedes Peón converteuse nunha das artistas galegas da maior éxito internacional, recoñecida pola crítica especializada de todos os continentes. Tradición e experimentación, orixinalidade dende a base, nun traballo que vén de moi atrás, do seu labor de recuperación de pezas e ritmos realizado en milleiros de aldeas e lugares do país.

Cres que ás veces tende a encasillarse á música tradicional nunha categoría moi pechada, esquecendo que calquera música que se faga en Galiza, tendo emprestado unha mínima atención a esa tradición, ten moito dela, como a túa propia música?
En Galiza temos a grande sorte de convivir con música da tradición, folclore, de creación, etc. Eu comezaría por facer unha pequena descrición delas. A música tradicional é a que chega de xeración en xeración e baixo o meu punto de vista debería de pasar máis de catro xeracións para considerala deste xeito. O folclore é o que representa a un pobo, e creación, parta de onde parta non se pode confundir co que é creado por un pobo é que está relacionado con todo o que nos rodea, o ciclo do ano, as montañas, o clima, a lingua, o xeito de relacionarse a tódolos niveis dunha comunidade. Aínda que semella que a tradición é estática, non o é. Eu puiden observar como evolucionaba con cambios insensibles cara o mesmo sitio. Polo tanto, dende o meu punto de vista, se te baseas en ti mesma, sempre terás unha orixinalidade posto que partes da orixe, pero tamén penso que hai que ter tino cos conceptos.

En Galiza somos todo o conscientes que deberiamos da riqueza que temos no que respecta ao patrimonio musical que aínda conservamos, único en Europa?

Creo que estamos a vivir un momento de conciencia despois da revolución que houbo nos anos 80 con toda a xente dos grupos folclóricos que se botou ás aldeas a recoller, proba delo é o recoñecemento das pandeireteir@s, e que levamos vinte anos falando do mesmo, xente sen formación e dende o informal que a día de hoxe teñen un arquivo sonoro e visual incalculable. Eu estou certa que a administración porá as canles necesarias para que este material atope o dinamismo necesario de acorde aos tempos que corren.

Na música galega actual as mulleres ocupades un lugar protagonista. Cres que a razón está na nosa propia tradición musical dende hai séculos?
Creo que na nosa sociedade convivían varios xeitos de núcleos familiares. Un era o patriarcado non agresivo, natural, sen machismo, non tiña sometemento ao feminino. Outro era matrilineal, onde a consanguinidade do pai non era relevante, polo tanto non existía esa figura na familia. Entre medias estaba relixión xudeu cristiá, que impoñía normas máis castradoras e homoxéneas. Polo tanto o noso imaxinario non afogaba a muller colocándoa en castas inferiores, outra cousa é o que se viviu paralelamente cos poderes do momento.

Siha
está soando en todo o planeta, e está sendo entendido en todo o planeta. Unha mostra de que en galego pódese chegar a calquera sitio?

Para mostra un botón. Todos os recoñecementos que teño internacionais son do meu traballo en galego, e máis, estou certa de que teño tanto recoñecemento por esa singularidade que non chegan a entender e lles resulta totalmente innovadora.

Como foi a experiencia de facer a música para o Kiosko das Almas Perdidas?
Foi unha experiencia humanamente enriquecedora. Como artista no escenario foi un suicidio, porque tiven, que colocarme a carón do emisor, e é todo o tempo susceptible de acoples, e logo fixen un traballo de enxeñería, arranxo, e producción que me deixou esgotada. A relación cos bailaríns e co equipo executivo foi todo un placer.

Vés de gañar o primeiro Premio Nacional de Música. Quen cres que merecería levalo no vindeiro ano, polo traballo que vén facendo?
Eu teño tanto cariño por tanta xente do mundo da música que non podo contestar a eso.


4,88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: