Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Atletismo. Lanzamento de xavelina

Recoñécenlle a Gustavo Dacal a mellor marca estatal, feita hai cinco anos

Foi en Pontevedra, en 2003. O atleta galego lanzaba a xavelina a 78,88 metros, a mellor marca do Estado Español. Agora, un lustro despois, a xustiza dálla por boa.

Redacción - 11:10 12/06/2008
Gustavo Dacal

Gustavo Dacal

Cinco anos despois chegou o recoñecemento. O 5 de abril de 2003 o atleta pontevedrés Gustavo Dacal lanzaba a súa xavelina no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), na súa cidade até os 78,88 metros, a mellor marca, até o momento, do Estado. Mais a Federación Española de Atletismo (FEA) invalidou a marca, por supostas irregularidades (non efectuar o lanzamento co equipamento oficial do seu clube e empregar unha xavelina que non pasara a homologación, segundo a federación).

Esta semana a Audiencia Provincial de Madrid recoñeceu a lexitimidade daquel lanzamento, feito que converte a Dacal no novo plusmarquista estatal, superando cos seus 78,88 metros o anterior rexistro, de 78,78 m, que ostentaba o cántabro Julián Sotelo dende 1992. Pos detrás sitúase o murciano Rafael Baraza, cos seus 70,60 metros.

Recoñecidos os 78,78 metros

A Xustiza condenou, ademais, á FEA a pagarlle 23 mil euros, máis intereses, a Gustavo Dacal polo dano que lle supuxo a anulación da súa marca, que o deixou sen cobrar a bolsa ADO do ano 2004. O que non se lle pode compensar ao atleta foi a oportunidade que tivo en 2003 de ir ao Mundial de París, posto que cunha marca semellante podería mesmo chegar á final.

Agora a Dacal, que xa ten 30 anos e que viu como baixaba o seu caché todo este tempo nos criterios internacionais aos que acudía como un atleta máis, e non como plusmarquista, quédalle preparar o Campionato Estatal que se desenvolve en xullo. Nesta proba o pontevedrés vai buscar o pasaporte para Beixín, que conseguiría directamente ao acadar a marca mínima, que está nos 77,80 metros.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: