Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ditame do Parlamento vasco

Euskadi sinala a Fraga "responsábel político" dos asasinatos de Gasteiz en 1976

A comisión especial da cámara vasca declara a varios ministros da época "responsábeis" da matanza dos traballadores.

Redacción / EP - 17:40 12/06/2008

O grupo especial do Parlamento vasco traballou fundamentalmente baseándose nas investigacións de diversos historiadores. O estudo pechado polos deputados nega a versión oficial que naquel momento trasladou a policía sobre a contestación á presunta agresión dos traballadores que celebraban unha asemblea na Igrexa de Los Ángeles.

O Parlamento vasco entende que se realizou un uso "irresponsábel e homicida de armas de fogo para responder a un problema de orde pública e orixe laboral". Ao fío estabelece que do acontecido "dimana a existencia evidente de responsabilidades políticas" dos que entón eran ministros de Interior, Manuel Fraga; de Relacións Sindicais, Rodolfo Martín Villa; e de Presidencia, Alfonso Osorio.

Atendendo aos datos analizados, o informe conclúe que "non se sostén a versión de que os obreiros ían armados de ningún tipo de recurso e só se pode acreditar que usaron improvisadamente o que había nas inmediacións (pedras, paus ou ladrillos) coa intención de atraer a atención da policía e posibilitar a saída dos traballadores da Igrexa". Ademais, indícase que é" constatábel" que a policía armada botou man das súas armas contra os obreiros, malia que se admite que non foi posíbel determinar "se existiu ou non un plan preestabelecido para que as forzas policiais impedisen a celebración da asemblea "e para que o fixesen coa violencia finalmente empregada".

O traballo da comisión foi promovido pola cámara vasca en febreiro de 2007, cando alén da constitución da comisión se lle instou ao goberno español a recoñecer todas as vítimas do suceso do 3 de marzo de 1976, incluídos os feridos e os encarcerados. Do consenso dos grupos parlamentarios só se saen PP e EHAK, aínda que por motivos diferentes. Así, os populares din que se fai "utilización sesgada" do acontecido hai 32 anos, mentres que desde EHAK consideran que o ditame queda curto e "non atende suficientemente ás vítimas do masacre".


5/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: