Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O día dos Premios Nacionais

Facer cultura, facer país

Xornada histórica este sábado en Compostela, escenario da entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega.

Redacción - 09:30 14/06/2008
Tags:

Desde 2008 e anualmente, Galiza entregará os seus galardóns nacionais no ámbito da cultura. Uns premios que recoñecen publicamente as persoas e colectivos máis destacadas polo seu traballo en favor do enriquecemento da cultura do país.

Nesta primeira edición, o xurado integrado por 15 personalidades do mundo da cultura elixiu premiar ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, na modalidade de Literatura, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e Espazos Públicos), o escultor Francisco Leiro (Artes Visuais), a profesora Margarita Ledo (Cinema e Audiovisual), o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e Cultura Científica); o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, (Artes Escénicas), a cantante Mercedes Peón (Música), o Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural), o Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base) e a remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio Cultural). Todos eles persoas e iniciativas que contribuñiron ao fortalecemento da cultura nacional.

Alén da dotación económica de 15 mil euros, cada un deles recibirá a peza deseñada polo escultor Ignacio Basallo, "unha escultura de 32 centímetros de alto formada por dez pauciños de madeira de castiñeiro tallados a machado e a cepillo, cinguidas por un anel dun centímetro de ancho que suxeita fortemente todas as madeiras". No anel figura a inscrición "Premio Nacional da Cultura 2008". "No número está o contido, simbolizo con cada pau cada unha das categorías", explica o autor sobre a simboloxía, "sós, son independentes, pero xuntos xa son outro termo: cultura galega".

A cerimonia estará presidida polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente, Anxo Quintana, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Será ás 21h30 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. A cita será emitida en diferido pola TVG a partir das 23h15.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: