Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Sóñora, director de "Climántica"

"O cambio climático é un punto de partida perfecto para conectar con outras preocupacións ambientais"

Falamos co creador dunha iniciativa didáctica que involucra xa a ducias de escolas do país e na que se inspiran centros educativos de todo o mundo.

R.Noguerol - 09:00 16/06/2008

Como argallaron este proxecto de Climántica?
En principio xurdiu basicamente da miña experiencia como profesor no ámbito da educación ambiental e posteriormente, e como director de centro, da percepción de que era posíbel darlle unha nova dimensión a este ámbito de coñecemento. Fomos vendo as oportunidades para recoller toda unha serie de temáticas diversas de interese para o traballo na aula e comprobando que existía unha posibilidade de buscarlle unha conexión que as unise. O asunto do cambio climático xurdiu como unha oportunidade perfecta para enlazar outra serie de centros de interese e á vez facelo desde un marco local moi flexíbel.

Destaca entón esa idea da interdisciplinariedade, ven vostedes que os rapaces a partir da preocupación do cambio climático pasan a interesárense por outros asuntos de índole medioambiental?
Efectivamente, a interdisciplinariedade é un aspecto clave. A importancia queda de manifesto nese propio proceso inicial. De ser un proxecto individual e case de aula, posteriormente, formouse un pequeno núcleo con xente de varias disciplinas, e deste xeito, foi máis doado vendo como se ían xerando todo un conxunto de coñecementos e actividades relacionadas. Aparecían as sinerxias, a creación dunha iniciativa retroalimentaba outras anteriores e movía a outras posibilidades. Os proxectos hibridaban e o programa ía medrando, estabelecendo novas conexións e xerando demandas novidosas. É unha iniciativa moi flexíbel.

A propia repercusión internacional é un exemplo desa flexibilidade?
Claro, é un proxecto moi replicábel. A interese que puxeron nel desde países como Arxentina, Cuba ou Portugal é un exemplo. Ademais de todas as comunidades autónomas que tamén requiriron información sobre Climántica desde que a apoia a Oficina sobre o Cambio Climático. Ademais, abre as aulas a outros axentes sociais e ten múltiples posibilidades. Un exemplo: as aplicacións en iniciativas interxeracionais, que aproveitan a relación avós-netos por exemplo, que exploran a dimensión da memoria histórica. Falamos de aproximacións sociais integradas que permiten difundir mensaxes moi necesarias, afrontar retos sobre os que é importante tomar medidas e pensar no que podemos facer desde a nosa vida cotiá.

No momento en que vostedes estaban madurando esta idea, o goberno español pagaba un millón de euros por lotes de vídeos co filme famoso de Al Gore... un problema de prioridades? que lle parece ese investimento?
En calquera caso, hai que pensar que o vídeo de Al Gore foi moi mediático e tivo unha capacidade importante para chegar a todos os lados. É unha forma de socializar o coñecemento e incorporar novos axentes á loita común. En xeral os documentais e películas teñen ese valor, e nós tamén desde a humildade do noso proxecto temos experimentado co audiovisual na convicción de que ten moito potencial para chegar a outros escenarios e involucrar outras persoas.

Vostede é profesor de bioloxía, e o proxecto toca por exemplo áreas de física ou química... hai en xeral pouco esforzo didáctico por innovar nestas disciplinas máis aló dos libros de texto?
Non penso que sexa iso, nin que o libro de texto sexa un problema. Se cadra é que o propio sistema é moi disciplinar. O propio libro afainos a un escenario marcado polo hábito. Pero iso non significa que non poida aproveitarse para formular outras propostas.

Esta iniciativa xorde da propia comunidade educativa, non hai unha espesura burocrática que habitualmente frea os proxectos innovadores das escolas?
É moi interesante e importante que a administración asuma como asumiu neste caso a iniciativa. Climántica naceu ademais de xeito moi natural. Unha mestura de casualidade, oportunidade e vontade. Se cadra o que acontece é que os profesores estamos afeitos a traballar no contorno máis próximo, desenvolvendo iniciativas para realidades moi concretas. Cando acontece que sentimos a necesidade de que unha idea funcione a xeito máis amplo, ás veces pode ser complicado dar a coñecer esas iniciativas multicentros e conseguir que o que estamos facendo teña as achegas doutra xente. É importante que este tipo de iniciativas sigan contando co amparo da administración.

Cal é o resultado que máis o satisfai nesta traxectoria que xa acumula Climántica?
Por unha parte a posibilidade de constituírmos un equipo moi complexo, integrado por profesionais moi diversos que enriquecen o proxecto desde cadansúa especialidade. Ademais, o modo en que todo ese universo se configurou arredor da web 2.0, aumentando a dimensión participativa, dun xeito moi aberto e retroalimentándose e medrando continuamente.

Por outro lado, está o modelo de formación en cascada. É dicir, a partir dun proxecto didáctico global o profesor aproxímase dun xeito concreto desde o punto de vista das posibilidades que ve para o seu propio centro. A partir de aí desenvolve a súa propia experiencia, dentro dun marco no que vai poder contar tamén co noso apoio. E á súa vez vemos que diversos modelos exitosos que de aí xorden van ser aplicábeis noutras escolas. É algo do que podemos estar moi satisfeitos: vermos como o profesorado por si mesmo vai facendo medrar o proxecto e de paso participa na formación doutros profesionais da docencia que seguen espallando a idea.

Á fin, vemos que acabamos chegando a moitos centros dunha forma práctica e eficaz. A día de hoxe, foron un total de 153 colexios os que solicitaron materiais, hai máis de 80 centros introducindo datos nas estacións meteorolóxicas de aula e temos arredor de 30 blogs funcionando.


4.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: