Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A MOSTRA INAUGÚRASE O VENRES 20

O CGAC retratra a 'Situación' actual da arte contemporánea galega

Exponse a obra de seis artistas novos do país: Mónica Cabo, David Ferrand Giraut, Enrique Lista, Carlos Rodríguez-Méndez, Rubén Grilo e Rubén Santiago.

Redacción - 12:00 19/06/2008

A arte é un proceso, nunca fica no sitio, cómpre falar dela con xerundios. Mais ás veces é bo tentar tirarlle unha foto, definir o seu estado nun momento dado, facer un diagnóstico, fixar a súa situación. É o obxectivo da mostra Situación, que se inaugura estes venres no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela. Situación expón as obras de seis artistas novos galegos, residentes todos fóra do país: Mónica Cabo (1978), David Ferrand Giraut (1978), Enrique Lista (1977), Carlos Rodríguez-Méndez (1968), Rubén Grilo (1981) e Rubén Santiago (1974).

Os seis traballaron acerca da súa relación coa arte galega, coa sociedade e cos seus compañeiros de xeración, e realizaron un proxecto específico e moi ambicioso para a exposición, comisariada por Manuel Segade. A súa heteroxeneidade fai moi difícil catalogalos como un grupo homoxéneo, como unha xeración. Úneos, iso si, a súa visión crítica e lonxe da institucionalización.

A inauguración terá lugar a partir das oito da tarde do venres. A seguir, ás 22.30 horas, haberá un concerto do trío londinense The Tiger Lillies, e a continuación, unha sesión de RNST DJ.

As obras

A obra de Mónica Cabo, Escenografía complementaria, parte dun parque infantil de xogos, multicolor, sobre o que realiza un desprazamento de significado a partir dun cambio de cor, pois a estrutura pasa a ser integramente negra, convertindo o xogo de nenos en algo misteriosamente adulto. En Road Movie, David Ferrando-Giraut xoga coa obsolescencia do vinilo, convertíndoo nunha pauta narrativa para unha alegoría cinematográfica: volvendo ao seu habitual imaxinario de serie B e coa colaboración de Adivina Producciones, realiza unha filmación continua (nun plano secuencia de 360 graos) dun accidente nunha paisaxe natural de Negreira.

O mundo é teu de Rubén Grilo está a medio camiño entre un xogo de rol e o teatro-realidade. Coa colaboración de Diego Ameixeiras, o intérprete deambulou polas rúas compostelás perseguido por unha cámara e reaccionando ás provocacións de vinte actores e multitude de persoas reais nunha trama que mestura realidade e ficción. Pola súa banda, Enrique Lista fai unha Retirada temporal das orlas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; un proxecto para o que literalmente retirou as orlas, presentando na exposición o oco deixado por elas.

En Pan-pan, Rubén Santiago transforma a sala expositiva nun obradoiro para a fabricación de obleas (hostias sen consagrar), que os visitantes poderán comer. Finalmente, para ver a obra de Carlos Rodríguez-Méndez, Hombres corriendo... Encajar unha escultura, haberá que agardar a xullo; veremos daquela se o artista foi quen de introducir no dobre-espazo do CGAC unha escultura de máis de trinta metros, moito meirande que a sala que a ten que acoller.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha obra de David Ferrando, empregando iconas da serie b
Unha obra de David Ferrando, empregando iconas da serie b
Unha obra de Rubén Santiago
Unha obra de Rubén Santiago
Parte do proxecto que presentará Rubén Grilo
Parte do proxecto que presentará Rubén Grilo