Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
DUBIDOSA LEGALIDADE

O BNG denuncia que o concello de Lugo encarga publicidade á empresa da súa xefa de prensa

O municipio lucense encargoulle a esta empresa máis de dez campañas publicitarias.

Redacción - 14:00 19/06/2008

A mecha prendeuna o BNG de Lugo. A súa denuncia é clara e acompañan documentos. Segundo asegura o voceiro municipal nacionalista, a xefa de prensa do alcalde, Susana Pardiñas, é socia dunha empresa á que a entidade local encarga campañas de publicidade. Pero a historia non remata aí, Laxe asegura que ademais, segundo datos do rexistro mercantil, preto do cen por cen da facturación desta empresa procede do concello de Lugo.

Trátase da empresa Markova – TIC, da que son socios familiares desta xornalista, quen foi a administradora ata as eleccións municipais de 2007, cando se incorporou ao Gabinete de comunicación do grupo municipal socialista. Segundo explican os nacionalistas, a empresa constituíuse en abril de 2006, cunha participación de catro membros cunha participación do 25% cada un. En marzo de 2007, Pardiñas deixou de ser a administradora, sen embargo continúa vencellada a esta sociedade familiar, na que foi substituída no cargo pola súa irmá.

Os documentos que presentaron os nacionalistas avalan que o Concello de Lugo lle encomendou a esta empresa diversos programas, cunha facturación que acadou os 39.862 Euros en 2006, 26.409 Euros en 2007 e este ano xa se superaron os 30.000.

Posible denuncia
Malia todo, o BNG adiantou que non pretende xudicializar a vida municipal. Di que pedirán ao alcalde que tome medidas inmediatamente para eliminar estas prácticas que continúan a crear descrédito da clase política. Laxe adiantou que non fai reproche algún dende o punto de vista laboral e engadiu que o que ten claro é que o persoal de confianza non pode ser accionista dunha empresa onde se encarga o cen por cento da súa facturación ás administracións públicas.Doutra banda, estas denuncias aínda non atoparon resposta porque o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e maila súa xefa de prensa, Susana Pardiñas, se atopan de viaxe oficial en China. Sen embargo, dende o entorno da xornalista apúntase a que se emprenderán accións legais contra o BNG polas súas declaracións.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: