Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DIRIXIDO POR VÍCTOR COYOTE

A heroica historia do 'Siñor Afranio', por fin nun filme

O documental 'Afranio' conta como Antón Alonso Ríos fuxiu do fascismo facéndose pasar por un esmoleiro portugués, interpretado por Luís Tosar.

Marcos S. Pérez - 11:58 22/06/2008

Contar en imaxes a odisea (neste caso a referencia ao mito é clara) do Siñor Afranio de Amaral é un dos proxectos máis desexados no audiovisual galego dende hai anos. Houbo varios intentos de facelo no pasado, partindo sempre da obra escrita polo propio protagonista, Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, pero só agora Alén Filmes foi quen de levalo adiante.

Chamaron a Víctor Coyote, artista multimedia antes da palabra, músico, artista visual e agora cineasta. Vén de dirixir dous documentais centrados na 'raia', Só Concertinas e Traballadores do contrabando, e con esa experiencia enfronta este novo proxecto, tamén miñoto, pois a fuxida de Afranio comeza en Tui e desenvólvese principalmente no Baixo Miño, e arraiano, pois finalmente atopa a vía da salvación a través de Portugal. Edicións A Nosa Terra está organizando unha exposición sobre a rota do Siñor Afranio.

Aínda que na guerra e postguerra houbo moitos actos de heroísmo, moitas historias insólitas de persoas que fuxiron da morte e do fascismo, a aventura de Afranio de Amaral chama a atención pola importancia do personaxe (Alonso Ríos era naquela altura deputado nas Cortes) e por estar documentada a través dun libro e dunha testemuña gráfica, a fotografía que Afranio fixo para obter o seu pasaporte portugués e poder fuxir a América. O audiovisual galego non explotara até o momento unha das súas historias máis susceptíbeis de se converter en mito a través dos instrumentos da comunicación de masas. Coyote fala de "construír a historia mítica dos pobos", algo que non ten por que se facer unicamente a través do audiovisual, aínda que é a imaxe a mellor maneira de se achegar á xente, "a historia de Afranio é tan atractiva que de non ter sido un feito real, gustaríame inventar unha historia así e vela nunha película".

Unha historia real
A noite do 18 de xullo Antón Alonso Ríos comezou a organizar a resistencia popular en Tui ao golpe de estado. Despois dalgúns combates, foxe da vila e tras vagar varios días por distintos lugares, danlle acollida, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Tarroña, onde permanece agochado dende o até o 11 de agosto. Ofrecían 50.000 pesetas a quen o capturase, así que Alonso Ríos decide facerse por esmoleiro. Para non ter problemas por non ter documentación fíxose pasar por portugués, autobautizándose como Afranio de Amaral, nome dun naturalista brasileiro, e inventándose toda unha biografía. Traballa durante dous anos en varias casas, na Guarda e en Forcarei, até que despois de varios intentos logra fuxir a Portugal, de onde pasa a Casablanca e de aí a Bos Aires, onde é recibido como un heroe.

Interpretado por Luís Tosar
O documental ten unha estrutura de road-movie, "de walk-movie, máis ben", concreta Coyote, pois segue o percorrido de Alonso Ríos transfigurado en Afranio de Amaral, relatándoo a través de reconstrucións e de entrevistas. O equipo do documental localizou ás poucas persoas que coincidiron co siñor Afranio e que continúan vivas, como Mario Rodrigues, lisboeta de 76 anos e fillo de Isaura Gómez de Otero, a muller que acolleu a Afranio en Lisboa. Cando Mario marchou a Buenos Aires viviu na casa de Alonso Ríos. Tamén aparece no documental Manuel Barreiro, de 92 anos, e fillo do sancristán de Forcarei; conta que seu pai sempre dicía sobre Afranio: "Este non é un pobre de verdade, nótollo na forma que asearse".

Nas reconstrucións o heroe está interpretado por Luis Tosar, un actor cun caché moi superior ao que lle podería ofrecer unha pequena produtora por participar nun documental, pero que aceptou participar no proxecto: "interesouse moito pola historia", explica Víctor Coyote, que destaca a sorte de contar cun actor de altura internacional.


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: