Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN PONTECALDELAS

Acto "pola tolerancia" e a favor da integración dos xitanos

Na parroquia de Caritel veñen de instalarse varias familias xitanas procedentes do Vao.

Redacción - 11:08 21/06/2008

A Casa de Cultura de Ponte Caldelas acolle un acto "pola tolerancia" e de "profundo rexeitamento" ao conflito social xerado por mor das protestas veciñais polo reacollo, na parroquia de Caritel, de varias familias xitanas procedentes do poboado chabolista do Vao. A profesora Luisa Márquez, do Instituto de Monte Porreiro de Pontevedra, e un representante da Asociación de Xitanos, participan nunha charla coloquio, á que segue a proxección dun documental.

O acto está organizado por un grupo de veciños para quen "o medo que reside na sociedade ante colectivos minoritarios ou marxinais ten que ser enfrontado". Os promotores deste acto exclúense das accións de protesta contra os realojos, promovidas pola Mancomunidade de Vecinos de Caritel, que contan co apoio do Concello de Ponte Caldelas. "Non podemos identificarnos co acoso organizado a unha familia nin ao xuízo por parte dos colectivos veciñais con veredictos firmes de narcotraficantes", explicaron os organizadores do acto nun comunicado.

Tamén acusan ás Administracións implicadas nesta problemática "de non facer ningunha tarefa previa de integración" e de sumarse "por pura demagoxia a actos racistas e irresponsables", en alusión ás protestas, concentracións e recursos interpostos contra os realojos. Por iso, afirman que "a intolerancia nunca é a solución aos problemas de integración social".

Pobo Xitano retirará as denuncias se se acepta o realoxo dunha familia
Sinaí Giménez, presidente da Asociación do Pobo Xitano, ofreceu retirar as denuncias e non presentarse como acusación particular contra os veciños de Monteporreiro imputados a cambio do reacollo dunha das familias expulsadas deste barrio, concretamente a que residía nun piso da rúa Portugal. A Asociación do Pobo Xitano recordou, así mesmo, que esta familia nunca se viu inmersa en ningún tipo de conflito, nin presentou tampouco problemas de convivencia.

Porén, o portavoz da asociación de veciños 'O Miradoiro' de Monteporreiro, Anxo Mario Lago, rexeitou a proposta. Anxo Mario Lago realizou estas declaracións tras comparecer ante a xuíza titular do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra, xunto a outros catro veciños de Monteporreiro, imputados por un suposto delito de coaccións ás familias xitanas que foron reacollidas neste barrio pontevedrés.

Esta situación iniciouse por mor da denuncia interposta por Sinaí Giménez, por ameazas públicas. Ademais o colectivo xitano apuntou que estes dous dirixentes veciñais poderían incorrer nun delito de fomento da violencia en referencia a unhas declaracións aparecidas nos medios, así como ao que definiu Sinaí Giménez como "acoso" ás familias con mobilizacións ás dúas da mañá con petardos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: