Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO CONSULTIVO DE ELECTRICIDADE

Os que máis malgastan do sector enerxético son os máis subvencionados

Greenpeace considera inaceptábeis as "falsas acusacións" ao sector das renovábeis. Por outro lado, advirten que non pagamos o custe real da enerxía.

Redacción - 10:00 29/06/2008

Os ecoloxistas de Greenpeace veñen de presentar no Consello Consultivo de Electricidade as súas propostas para a tarificación eléctrica. Din que os prezos que pagamos os consumidores deben de ser transparentes e transmitir o verdadeiro custe da enerxía. Para iso pídenlle ao goberno español que remate co déficit actual, é dicir, que finalice a situación que permite fixar unhas tarifas por baixo do que custa realmente a enerxía, o que aseguran que é un prexuízo para consumidores e para o medio ambiente.

Nesta situación, os consumidores cremos que a enerxía custa menos do seu valor real no mercado, o que fai que non reparemos no seu consumo. Así, acabamos gastando máis, pagando máis e contribuíndo a que as empresas eléctricas aumenten as súas ventas. Neste panorama, Greenpeace propón unha negociación para buscar unha solución progresiva a este problema do déficit acumulado o que, previsiblemente, repercutiría nunha maior eficiencia enerxética.

Subvencións que pagamos todos
Pero os consumidores non só nos vemos prexudicados polo noso propio abuso da electricidade. Greenpeace recorda que existen subvencións ás centrais nucleares, é dicir, ás empresas máis sucias, xa que xeneran residuos radiactivos e só costean a súa xestión durante o tempo que os producen. Asemade, existen axudas económicas precisamente para aquelas empresas que máis enerxía gastan: cinco empresas, que consumen perto do 4% de toda a enerxía demandada no Estado, pagan 1.5 céntimos por cada kwh consumido, mentres que os fogares pagan case 11 céntimos.

Nese sentido, Greenpeace cualifica de inaceptábel que se poña en tea de xuízo ás enerxías renovábeis, que teñen que xustificar todas as axudas que reciben, mentres as grandes industrias nucleares, hidráulicas e térmicas xuntan importantes beneficios a cambio de nada.


Ligazóns

4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: