Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Consellaría de Educación "suspende"

"Incumprimentos" e "falta de diálogo": para a CIG-Ensino, un "curso perdido"

O sindicato fai un balance "negativo" do ano ao respecto da "mellora da calidade do ensino" e das "condicións laborais do profesorado".

Redacción - 18:30 24/06/2008

O sindicato CIG-Ensino considera que este que remata foi un "curso escolar perdido" para "a mellora da calidade do ensino e das condicións laborais do profesorado". Un curso, engaden, "para esquecer", un curso en que a Consellaría de Educación "suspende".

O departamento que dirixe a conselleira socialista Laura Sánchez Piñón foi obxecto dos reproches do secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, na conferencia de prensa que este martes ofreceu en Compostela para dar a coñecer o balance final -"negativo"- que a central sindical fai do ano escolar.

A Consellaría de Educación, afirmou Louzao, tivo unha actitude de "falta de diálogo e de negociación", o que comportou un incremento da conflitividade, especialmente "ao longo do terceiro trimestre". Ademais, sinalou, "os incumprimentos foron o denominador común", en determinados asuntos.

"Incumprimentos"

Entre estes, salientou a "total falta de compromiso nun tema tan importante como a aplicación do Decreto que regulamenta o uso do galego no Ensino". Segundo a central, a consellaría "nin adoptou medidas eficaces para o seu cumprimento efectivo, nin apoiou decididamente o traballo dos Equipos de Normalización", malia a cantidade inxente de informes negativos neste eido.

Louzao tamén enumerou outros "incumprimentos" do departamento de Educación, entre estes a elaboración do Estatuto da función pública docente e dos mapas escolares de FP e de Orientación; a negociación do Acordo de estabilidade para o profesorado interino; ou a negociación duns novos Regulamentos Orgánicos dos centros ou da Lei dos sistema universitario. Noutros aspectos, houbo "ineptitude", afirman dende a CIG-Ensino: é o caso do Currículo de Educación Infantil, que "continúa sen ser publicado cando ten que ser aplicado o vindeiro curso".

Ausencia de "negociación"

Ao respecto da "falta de diálogo", o secretario nacional do sindicato denunciou que a Consellaría de Educación "evitou a negociación" na Mesa Sectorial de temas como a oferta de Bacharelato, o programa de mellora do éxito escolar en colaboración cos concellos, a orde de comedores, o regulamento dos Centros Integrados ou a recuperación da xornada reducida en xuño e setembro.

En troques, adoptáronse medidas que "só contribúen a reforzar o ensino privado": autorización dunha unidade máis de infantil nos Escolapios de Monforte; mantemento de concertos educativos para moitos ciclos da FP (mais a supresión de 30 unidades da ESO e 13 de Primaria no público); ou dotación do 11% do presuposto para concertos con centros privados, fronte ao 9,72% para Infantil.

Por último, a CIG-Ensino botou en falla plans a prol da conciliación da vida laboral e familiar ou para combater o fracaso escolar. Tamén, "melloras nas condicións laborais do profesorado": dereito a unha revisión médica anual; regulamentación da redución horaria para maiores de 55 anos ou unha mellora da xubilación anticipada, "algo que incide na creación de postos de traballo".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: