Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
será?

A fin do tiro ao pombiño (de momento)

Este ano non se fai o campionato do Grove, por non contar coa autorización de Medio Ambiente, pero os organizadores poderían estar a procurar un outro lugar no que facelo.

Redacción - 09:00 30/06/2008
Colantes contra o tiro ao pombiño

Colantes contra o tiro ao pombiño

O ano pasado foi o último que se desenvolveu, na enseada do Bao (zonas húmidas protexidas Umia-O Grove), o campionato de tiro ao pombiño da Toxa.

A Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a primeira que debera autorizar a xornada de caza (a última administración pola que pasaría sería a subdelegación do goberno español en Pontevedra), prohibiuna, se non se empregaba munición ecolóxica, posto que o chumbo que se usou até o de agora estaba a contaminar considerabelmente a zona, incluída na Rede Natura 2000.

O ano pasado tentaran xa evitar que a munición empregada caese nas zonas húmidas coa instalación de barreiras, mais isto non funcionou, e o chumbo chegou, de novo, ao espazo protexido, motivo polo que Medio Ambiente lle abriu á organización (o Hotel Hesperia da Toxa, xunto coa Asociación de Hostalería e os Empresarios Grobenses de Bens e Servicios, Emgrobes) un expediente sancionador. Dende Vieiros puxémonos en contacto coa Consellaría, para saber se se resolveu este expediente, cando case vai un ano da súa apertura, mais Medio Ambiente aínda non fixo ningún comentario ao respecto.

Este ano non vai haber caza
As únicas posibilidades de que se desenvolvese este ano o campionato (case sempre se fai no mes de xullo) pasarían por empregar munición ecolóxica, como a que se está a usar na caza do parrulo, na Albufeira valenciana. Mais os defensores da continuidade das xornadas de caza sosteñen que o tipo de cartuchos para cazar pombiños é ben distinto do empregado para matar parrulos, e os que eles precisan non están dispoñíbeis no mercado.

No caso de non atopar municións, as posibilidades que se contemplaron pasaban por mudar de sitio, mais dende o Hotel da Toxa aseguráronlle a Vieiros que non están a buscar outro lugar para facer o campionato, senón que seguen á procura de munición compatíbel co ditado de Medio Ambiente, que é un bocado máis cara que a de chumbo. Porén, en abril deste ano, cando os promotores das xornadas de caza se manifestaron, pedindo a súa continuidade, falouse da posibilidade de trasladalas ao monte Siradella.


4.83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: