Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á marxe da Xustiza

Berlusconi, o inmune

O Consello de Ministros de Italia aproba o proxecto de lei que suspende os procedementos xudiciais contra os catro primeiros cargos do Estado.

Redacción - 19:05 27/06/2008

Ficar ao marxe da xustiza. Este é un dos grandes obxectivos que se propuxo o Primeiro Ministro italiano e cada día dá máis pasos nesa dirección. O seu Consello de Ministros deu o visto bo a este proxecto de lei, que suporá a inmunidade penal das catro figuras con maior poder en Italia: suspenderanse así os procedementos xudiciais abertos tanto contra o Presidente da República, contra os presidentes do Senado e do Parlamento e contra o Primeiro Ministro.

Deste xeito, nin Berlusconi nin os outros altos mandatarios italianos terán que responder nos xuízos que teñen pendentes, pero ademais, tampouco poderán abrirse novas causas contra eles, xa que non poderán ser xulgados ou investigados durante a duración do seu mandato. E para gardar as costas e evitar problemas de inconstitucionalidade, a nova norma establece que as vítimas dos procesos contra estes cargos poidan continuar pola vía civil e contempla tamén a posibilidade de renuncia á inmunidade.

Malia que hoxe este proxecto de lei é só iso, un proxecto, o tempo corre a favor do primeiro ministro italiano. A finais do mes de xullo, a norma chegará ao Parlamento e alí será aprobada grazas a ampla maioría coa que conta o partido de Berlusconi en ámbalas dúas cámaras.

Xa vén de atrás
Esta non é a primeira vez que o primeiro ministro italiano trata de blindarse ante a xustiza. No 2004, o entón presidente do goberno conseguira a aprobación dunha lei similar para garantir a completa inmunidade aos altos cargos do Estado. Malia todo, daquela o Tribunal Constitucional anulara a lei, por considerala contraria aos principios constitucionais. Sen embargo, agora, tratáronse de corrixir erros anteriores, e o propio Ministro de Xustiza, Angelino Alfano, aseguraba que se seguiron todas as indicacións do Tribunal Constitucional para evitar que a situación se volva repetir.

Tamén hai unhas semanas, o parlamento italiano aprobou unha polémica medida que impide as escoitas telefónicas con fines xudiciais nos casos de corrupción.

Resolucións pendentes

Berlusconi ten aínda moitos casos pendentes coa xustiza que, por mor desta esta iniciativa, poderían quedar paralizados. Entre eles figura o do avogado británico David Mills, imputado xunto ao Primeiro Ministro italiano nun xuízo de corrupción. Berlusconi está acusado de ter pagado 600.000 dólares a Mills en 1997 con supostos fondos secretos do seu imperio mediático para que este non revelase detalles ilegais dos seus negocios.

Ademais, il Cavaliere tamén está acusado pola xustiza italiana de corrupción, por mor dunhas relacións ilegais que supostamente mantiña cun dirixente da televisión pública RAI.

Reaccións da oposición
Abraiada, perplexa e impotente. Este é o sentir na oposición italiana que asisten aos cambios que está a introducir o goberno italiano na lexislación. O líder do principal partido da oposición, Antonio Di Prieto, acusa a Berlusconi de querer fuxir da xustiza e de cambiar a norma simplemente para non ser procesado. Asemade Di Prieto anunciou que proporá un referendo para modificar esta lei en canto sexa aprobada.

Pola súa parte, a Comisión Internacional de Xuristas denunciou os ataques do Primeiro Ministro italiano á independencia do sistema xudicial. Asegura que esta medida é contraria ao cuarto dos Principios Básicos de Nacións Unidas sobre a Independencia do Poder Xudicial, que prohibe calquera interferencia inapropiada e sen garantína no proceso xudicial.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: