Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

A soidade de Mugabe

Din que unha vez o presidente Mugabe expresou que "só Deus podería quitarme o poder". Pero talvez lle puidésemos axudar un pouco. Unha reflexión de Francisco Rey Marcos.

Redacción - 10:20 06/07/2008
O presidente de Cimbabue, Robert Mugabe

O presidente de Cimbabue, Robert Mugabe

En maio do ano 2007, Cimbabue resultou elixido para presidir a Comisión de Desenvolvemento Sostíbel da ONU, órgano dependente do Comité Económico e Social do organismo multilateral. Ese feito, cuestionado por numerosos grupos ambientalistas e organizacións de desenvolvemento, era, sen dúbida, reflexo dos apoios que Cimbabue tiña entre moitos dos países africanos e do mundo en desenvolvemento, por máis que iso non gustase en occidente.

Era evidente que o país non era modelo de desenvolvemento, nin moito menos de sustentabilidade e, malia todo, saíu elixido para a presidencia con numerosos votos. Esta semana, con todo, o Secretario Xeral da ONU e o Consello de Seguridade condenan, de modo unánime, o réxime do presidente Robert Mugabe, a violencia contra a oposición política de Cimbabue e as accións represivas do goberno que lle impediron aos seus opoñentes o dereito de facer campaña libremente. Mesmo o ex presidente surafricano Nelson Mandela, que até o de agora permanecera calado respecto deste tema, condenaba a situación do país e falaba do "tráxico fracaso do liderado do presidente Robert Mugabe".

Para rematar, tamén a Comunidade de Desenvolvemento Surafricano (SADC) á que pertence Cimbabue, propúñalle ao réxime adiar a segunda volta das eleccións previstas advertindo de que non se daban as condicións de tranquilidade para unhas eleccións xustas. E en todo este tempo, as propias organizacións humanitarias víronse obrigadas, en moitos casos, a abandonar o país polas restricións que lles impón o réxime, agravando así a situación da poboación. Está só Mugabe? Que pasou neste ano para que se producira este case total illamento do réxime do presidente Mugabe?

É evidente, que a fraude electoral na primeira volta das eleccións celebradas o 29 de marzo e as posteriores ameazas e presións que levaron ao líder opositor Morgan Tsvangirai a refuxiarse na embaixada dos Países Baixos, foron deslexitimando ao réxime de Mugabe até facerlle perder moitos dos seus apoios internacionais. Pero tamén o é o que a comunidade internacional deu xa por derrotado a Mugabe na primeira volta e non previu axeitadamente a súa capacidade de manobra ante esta segunda. De feito, as declaracións de moitos líderes occidentais tras as eleccións de marzo xa "vendían a pel do oso" antes, temémonos, de terlle dado caza. E iso permitiulle a Mugabe preparar esta segunda volta das eleccións presidenciais á súa medida. De feito, algúns analistas e numerosos xuristas expoñen a ilegalidade desta segunda volta ao térense incumprido algúns prazos e trámites previstos na Constitución de Cimbabue. Por iso, e aínda que o tema puramente legal estea aberto a discusión, sexa cal for o resultado da segunda volta, algúns países como Francia xa se anticiparon dicindo que non recoñecerán os resultados.

Por outra banda, aínda que é importante que o Consello de Seguridade aprobe por unanimidade unha declaración presidencial, contando até co apoio de China, non é menos certo que é un pequeno avance. Non se trata dunha Resolución nin moito menos dunha declaración vinculante por parte do organismo. Por iso, os chamamentos que realizaba no diario The Guardian o candidato opositor Morgan Tsvangirai no sentido de solicitar e apoiar unha misión de mantemento da paz e de despregamento de cascos azuis no país, están totalmente fóra de lugar. E sobre todo fóra de tempo.

Talvez, e isto é algo que deberá analizar a ONU, foi posíbel logo dos resultados da primeira volta, algún tipo de medida que preparase esta segunda. A ONU ten algunhas experiencias positivas na preparación de procesos electorais en situacións posbélicas e, aínda que este non fose o caso, foi propoñíbel. Pero iso é algo que non se fixo a tempo e agora é xa tarde para facelo. Non nos enganemos; o que polo momento iniciou o Consello de Seguridade é algo totalmente "lixeiro" en termos diplomáticos e por iso puido contar co apoio de todos os membros do Consello. Pero nin tan sequera se tomaron medidas de ameaza de sanción ao abeiro do Capítulo VI, nin moito menos do VII da Carta da ONU. Algúns países como o Reino Unido, de modo bilateral, estabeleceron sancións contra Cimbabue pero non parece que outros membros do Consello, particularmente Chinesa entre os permanentes e Suráfrica, Libia ou Vietnam entre os non permanentes, estean dispostos a iso. E moito menos ao envío dalgún tipo de operación de paz, por débil que fose o seu mandato. Falar de intervención militar, do tipo que for, en Cimbabue está, polo momento fóra de lugar aínda que algúns analistas anglosaxóns estean empezando a suxerilo.

Por iso, aínda que o desexábel fose que, tal como propón a ONU, a SADC ou o propio mediador surafricano Thabo Mbeki, aprazase a segunda volta e organizase posteriormente con garantías, o escenario era previsíbel coa celebración das eleccións e do triunfo "cantado" do actual presidente Mugabe. E nese escenario, a comunidade internacional terá que aumentar as súas presións sobre o réxime, consciente de que se perdeu unha oportunidade para acabar cun réxime ditatorial por medios electorais.

E conscientes de que se se emprenden sancións ou bloqueos, estes terán un efecto letal sobre a poboación. E moito máis conscientes da inconveniencia e os riscos dunha intervención militar. E nun contexto no que algunhas empresas seguen concedéndolle balóns de osíxeno a Mugabe. Onte mesmo The Times anunciaba que a empresa mineira Anglo American ía investir 257 millóns de euros na mina de platino de Unki, no centro do país. Alguén entende algo?

Din que unha vez o presidente Mugabe expresou que "só Deus podería quitarme o poder". Pero talvez lle puidésemos axudar un pouco.


Ligazóns

1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: