Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
GONZÁLEZ VIÑAS, PRESIDENTE DE BARRERAS

"Galeguizaremos a compañía polo compromiso coa nosa cultura, non precisamos subvencións"

O estaleiro vigués Barreras estenderá o uso do galego na empresa empregándoo nos rótulos, chamadas ou documentación interna.

Isabel G. Couso - 12:00 04/07/2008

Cando estableces comunicación telefónica co estaleiro Barreras, unha operadora convídache a marcar a extensión pertinente en castelán e en inglés. Unha mostra da internacionalización da empresa é que a meirande parte dos seus clientes son armadores e navieiras foráneas. Sen embargo, esta non é unha traba para o paso que a empresa quere dar: o da galeguización de todos os seus procedementos internos.

A compañía ven de comprometerse a introducir progresivamente o noso idioma, é dicir, empregarán o galego nos seus rótulos, na páxina web, nas nóminas, nos contratos ou no seu convenio colectivo. Dentro duns días as chamadas telefónicas tamén terán a súa resposta en galego. Unha decisión da que é responsable o presidente da entidade, Francisco González Viñas, quen asegura que quere aportar o seu grao de area á defensa da cultura galega.

Vieiros: Cales foron os motivos que o levaron a tomar esta decisión?
Non foi máis que darlle forma a algo que xa é unha práctica diaria na nosa empresa. Dentro das nosas obrigas, vémonos na tesitura de ter que falar habitualmente en diversas linguas: inglés, francés, castelán... Sen embargo, a utilización do galego xa é unha realidade no noso día a día, por exemplo no comité de empresa en moitas ocasións falamos en galego.Trátase, en suma, de darlle un empuxón, dentro das nosas posibilidades, á cultura galega, e podemos facelo a través da fala. Outras empresas xa teñen esta mentalización e nós tamén queremos ser unha referencia neste ámbito e se conseguimos animar a algún outro empresario pois moito mellor.

Cales van a ser os cambios que van a introducir?
Nuns días teremos en galego todas os rotulacións. Tamén os convenios colectivos, as nóminas, introduciremos o galego na web, nas chamadas de espera... Empregaremos o galego sempre que sexa posible. É certo que a internacionalización a que está sometida hoxe a empresa fai que a maior carga de traballo se adique á exportación e nestes ámbitos é necesario o uso doutros idiomas como o inglés, o francés ou o castelán, sen embargo, hai moitos outros ámbitos nos que podemos empregar perfectamente o noso idioma.

Como foi asumida esta decisión polos seus traballadores?
Tivemos unha gran simpatía na recepción desta medida por parte dos traballadores porque a meirande parte deles son galegos. Barreras conta cuns 150 empregados fixos, e só hai entre 10 e 15 persoas que non son galegas, mais tamén viven aquí e non teñen problema ningún. Ademais, a industria auxiliar da compañía suma un total de 2.500 persoas que tamén traballan para Barreras e todos consideraron a decisión positiva. Comprenderon que é sumar, que non se trata de eliminar nada. Non é unha cuestión de posicionamento político, senón que quere ser unha medida para apoiar á nosa cultura.

Teñen algún tipo de axuda económica?
Non, esta foi unha decisión asumida dende a propia empresa, despois dunha xuntanza do Foro Peinador, un colectivo que busca a progresiva introducción do galego nas empresas en cumprimento da lexislación vixente. Non temos ningunha subvención pero tampouco a pedimos nin nos interesa. Só se trata de darlle carácter formal a algo que xa era unha realidade.

Fixeron algunha valoración do gasto que lle vai supoñer á empresa?
De momento non temos os custes valorados, porque consideramos que non terán moita transcendencia económica. É unha decisión que tomamos, que poremos na práctica nos vindeiros días e que responde máis a un compromiso como galegos que a unha cuestión de diñeiro.


Ligazóns

4,76/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: