Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tiro na testa, banda do Deza

"O Concello de Lalín fachendea de apoiar a cultura, pero non sei a de quen"

Os autores de éxitos como “Cuando amanece, el número de tontos crece” falan con Vieiros da música, da filosofía, do verán e do número de tontos.

Clara Figueroa - 11:30 13/07/2008
Portada do seu último traballo

Portada do seu último traballo

Despois de doce anos xuntos, tres discos editados, dous por saír e dúas maquetas, xa podemos dicir que falamos cos míticos Tiro na testa, unha banda de Lalín -berce de non poucos punks- que definen a súa música como “violento punk rock que molesta”. TNT son José -Petetas-, Costa e Josóleo, tres que tamén tocan na banda Motor Perkins con outros catro.

Os tres estades en dous grupos ao mesmo tempo. Con cal facedes máis concertos?
Depende, adoitan chamar máis veces a Motor Perkins porque teñen máis cabida. A música de Perkins encaixa mellor en moitos máis sitios, e aínda que os tres de TNT estamos nas dúas bandas, facemos músicas totalmente opostas.

Algunha vez vos pasou de actuar nun mesmo festival os dous grupos?
Algunha vez ten pasado, pero non foron moitas.

E como facedes?
Cando temos que tocar no mesmo festival, pois moi fácil; primeiro un e logo outro. Non quedamos desfeitos porque Motor Perkins é música moi tranquiliña de facer para nós comparado con Tiro na testa.

Preferides tocar primeiro co grupo máis tranquilo e logo darlle caña con Tiro na testa?
É o mesmo, ás veces tocamos antes con Perkins e outras comezamos con Tiro na testa, como no último concerto que demos en Ordes. De tódolos xeitos, o de coincidir pásanos poucas veces. Xeralmente imos ao concerto do que primeiro nos chamou.

Ides quitar novo disco pronto?
Pois estivemos coa xira "Ceibe, violento e furtivo" xunto con Soak e Skacha e deunos por gravar o último concerto. Era para presentar o disco coa gravación o 14 de agosto no festival Berra Val Miñor de Nigrán, no que tocamos os tres -e máis outras bandas- pero penso que non vai estar listo para entón, porque a fábrica pecha en agosto e aínda non ten todo o material que precisa.

E entón para cando?
Sairá pronto, pero claro, aínda non sabemos cando estará preparado.

Na vosa web anunciades “Traballo fresco e absurdo para despois do verán”
Claro, porque logo do directo conxunto, temos pensado quitar un disco de nós á rúa, Tinto na taza, pero ese aínda non sabemos cando estará preparado.

Tedes o verán cheo de concertos?
Pois a verdade é que non demasiado. Ao contrario do que pode parecer, o verán non é mellor época para os concertos de punk rock. Non é unha música moi festivaleira, cando menos en Galicia.

Onde ten mellor acollida a música de TNT?
Depende do motivo do concerto, non da cidade. Depende si é un festival con moitos grupos ou un concerto nunha sala. Por aí adiante é diferente, pero aquí en Galicia a xente que vai a un festival, vai porque hai unha festa, porque lle gusta un grupo ou porque lle peta e punto. E logo están os concertos nas salas, onde a nosa música encaixa mellor e a xente gasta os cartos na entrada porque vai buscando un grupo.

Vin que estades no proxecto dun tributo galego a Cock Sparrer, unha banda mítica de punk británica. De quen foi a idea?
Esto foi unha ocurrencia que tiveron dous aos que lles gusta moito os Cock Sparrer e nos dixeron de entrar no proxecto aos grupos da mesma onda. O asunto consiste en que cada grupo escolle unha canción da banda e fai unha versión como lle parece.

Hai unha canción duns amigos de Santiago que dí “Todos los punkis nacen en Lalín”. É certo que hai moitos grupos pola zona, por que pode ser?
Podería ser casualidade. Agora non estamos tantos, hai tres bandas funcionando e logo outras dúas que están por saír pero que aínda non deron o seu primeiro concerto. Eu penso que se daría así a casualidade. Tamén hai moitos grupos punk no Morrazo, e non te conto en Vigo.
Tamén te podo dicir que moitos estamos mesturados, a meirande parte de nós está en varios grupos ao mesmo tempo.

Que pasa co festival Algarabía de Lalín?
O Algarabía é un festival que ven de vello xa, porque se leva facendo xa vinte e seis anos con este, organizado pola asociación cultural O Laranxo. Non hai só concertos, é toda unha fin de semana e hai actividades para os nenos. A noite do sábado faise o festival de música, que é a parte que organizamos os grupos de alí, porque somos os que máis podemos entender do tema, das sonorizacións, o contacto coas bandas e estas cousas.

Ides tocar este ano?
Aínda non sabemos nada, o normal é que toquemos, pero cada ano as cousas cambian e aínda fixemos hai pouco a primeira reunión.

E como se paga o festival, os grupos, as actividades...
Entre e asociación O Laranxo e máis os grupos que estamos metidos quitamos os cartos de onde podemos, porque non hai ningún apoio institucional nin nada semellante. Eu levo formando parte activa da organización do Algarabía creo que dende o 88, e o Concello de Lalín só meteu cartos un ano. Disto hai tanto tempo que case non me lembro, pero penso que aínda non estaba nin Fraga na Xunta.

Por que foi entón e nunca máis?
Foi unha medida preelectoral totalmente. Aínda quedaron peor porque así nos demos de conta de que só había cartos cando as eleccións.

E como o concello non se implica nun festival que ven de tan longo?
O que pasa é que nós non queremos que o concello engula o festival, mentres que eles non queren poñer cartos se non asumen o control do asunto. Lalín fachendea de promover e apoiar a cultura, pero a cultura non sei de quen. Das cousas máis próximas á xente de aquí, pasan totalmente.

O concello non da ningún tipo de axuda?
Destes vinte e cinco anos houbo dous que non o puidemos levar adiante porque non conseguimos os cartos e/ou porque no Concello todo eran trabas. Agora o máis que poden deixar son miudezas, cousas como o escenario que, por outro lado, é material do concello, ou sexa, para uso de todos. E aínda así o ano pasado non o deixaron.

E para cando vai ser o Algarabía deste ano?
Aínda non está decidido porque hai moitos asuntos que amañar. De seguro non sabemos cando vai ser pero, de facerse, vai en agosto.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: