Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta terza feira

Finou o fotógrafo Virxilio Viéitez, o mellor retratista da realidade dunha comarca

Tiña 77 anos e moraba en Soutelo de Montes. As súas imaxes foron difundidas nos 90 por unha filla. Destacan as que retratan parentes que volvían da emigración con agasallos.

Redacción - 10:15 16/07/2008
Autorretrato de Virxilio Viéitez (1964)

Autorretrato de Virxilio Viéitez (1964)

As imaxes de Viéitez, tomadas, as máis coñecidas, entre os 50 e 60, retratan, cunha calidade e unha técnica excepcional, os seus veciños, a xente de Soutelo de Montes, facendo o que facían a diario (segando a herba; enterrando un parente, que tamén aparece na imaxe, no seu cadaleito; imaxes da matanza da voda de alguén), rutina só interrompida cando chegaban os familiares da emigración, cargados de enxeños que traían como agasallo e como mostra do "progreso": radios, automóbiles enormes, vespas...

Retallos da vida dun fotógrafo de Soutelo de Montes
Viéitez naceu en Soutelo de Montes en 1930 e traballou, antes de dedicarse de xeito profesional á fotografía, nas obras do Aeroporto de Labacolla, en Compostela. Tiña 16 anos, e aló estivo dous anos máis, até que aos 18 marchou ao Pireneo aragonés a traballar na construción do sistema teleférico. Foi alí onde entrou en contacto coa fotografía, ao mercar unha Kodak. O manexo da cámara e o traballo no laboratorio aprendeuno sendo empregado do fotógrafo Pallí, en Palamós (Girona). Neste período comezou a facer algúns traballos dirixidos en La Vanguardia, alén de retratos aos turistas da Costa Brava que querían levar algún recordo das súas vacacións.

No ano 1955 volveu a Galiza para botar un tempo coa súa nai, que estaba moi enferma, Ao morrer ela, feito o servizo militar e xa casado, Virxilio Viéitez reemprende o seu traballo fotográfico xa en Soutelo, cunha Rollei, incorporando despois unha cámara Voigtlander. Móvese pola comarca (Beariz, Pedre, Avión, Millerada, San Marcos, Sanguñedo, A Barcia...) e exerce tamén como correspondente de El Pueblo Gallego e da emisora Voz de Vigo.

Mercou automóbil e moveuse de voda en voda. Coa chegada da cor, Viéitez negouse a abandonar o branco e negro até entrados os 70, cando claudicou nalgunhas fotografías. Nos 80 abandonou o seu traballo e cedeulle o relevo á súa filla Keta, a máxima responsábel de que, durante a década dos 90, se coñecese todo o traballo do pai, un cento de imaxes que o fotógrafo Manuel Sendón e o profesor e fotógrafo Xosé Luís Suárez Canal se dedicaron a difundir.

O fotógrafo de Soutelo de Montes chegou a ser recoñecido en vida e destacado como o foi Ksado, Pintos ou Manuel Ferrol, pois el coneguiu retratar a realidade dunha comarca, a súa, coma ninguén o fixo en moito tempo.


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha das súas imaxes máis coñecidas: unha muller cunha radio que os seus parentes trouxeron da emigración
Unha das súas imaxes máis coñecidas: unha muller cunha radio que os seus parentes trouxeron da emigración
Os automóbiles grandes chegaban á vila
Os automóbiles grandes chegaban á vila
As súas fotografías son coidadas composicións. Esta á a imaxe do loito
As súas fotografías son coidadas composicións. Esta á a imaxe do loito
Composición labrega, que lembra o 'Angelus' de Millet
Composición labrega, que lembra o 'Angelus' de Millet
Na matanza os retratados están colocados á perfección
Na matanza os retratados están colocados á perfección