Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Día de Galiza en Brest

"Somos fisterrás, vimos de onde a terra remata para darlle con forza entrada ao mar"

"Gocen do mar galego en Brest e quedan convidados para visitalo cando queiran", animou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, no Día de Galiza.
Galería de imaxes:

Redacción - 19:00 16/07/2008

O pasado, presente e futuro da cultura mariñeira de Galiza triunfan este mércores en Brest, no principal evento internacional neste eido. Os mariñeiros máis novos e os máis veteranos, ergueron a peso esta mañanciña a dorna que un carpinteiro de ribeira construíu durante esta semana no Village Galice. Foi un dos reclamos máis exitosos na cita en terras bretoas, por onde se calcula que ao rematar a Festa Marítima Internacional terán pasado arredor dun millón de persoas.

Mostrándolle a Europa enteira "a nosa forma de ser no mar"
A conexión especial entre as terras bretoas e galegas foi salientada polo alcalde local, François Cuillandre, quen salientou os lazos históricos que unen Galiza e Bretaña e a condición de Fisterras e países mariñeiros que compartimos. "Países curmáns cun pasado celta en común", comentou o rexedor. No mesmo sentido falou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. "Estamos cómodos en Brest, sentimos que algo familiar nos une, compartimos ser o fin do mundo, as nosas Fisterras outéanse ao lonxe e saúdanse, compartindo cruceiros como os que debuxou Castelao e un aquel celta que nos serviu para recoñecérmonos e, en boa medida, irmandármonos".

"Permítanme para rematar, que lembre a todos os mariñeiros que, na nosa lingua, faenan na inmensa maioría dos grandes caladoiros do mundo, a todos os obreiros que traballan na construcción naval, aos carpinteiros de ribeira que, con sabiduría e precisión, continúan a construír as nosas embarcacións tradicionais, ás redeiras, ás peixeiras, ás mariscadoras, a todos e todas os que traballan na mar e a tantas xeracións que nos precederon e que nos legaron a mellor das herdanzas, un mar cheo de cultura que queremos transmitir tamén aos que nos sucedan", continuou o discurso.

"O mar forma parte de nós mesmos"
Interviu tamén o vicepresidente da Federación Galega pola Cultura Marítima, Víctor Fernández González, Víctor "de Bouzas", quen agradeceu a acollida fornecida por Brest á delegación galega e a oportunidade de amosarlle ao mundo a nosa cultura. Subliñou que "a presenza galega en Brest foi un dos nosos maiores retos", recordando que "nunca antes levaramos tantos barcos tan lonxe para representar a nosa cultura, e creo que demos un exemplo claro de como traballar en colectivo".Fixo ademais mención especial dos comisarios da mostra: Francisco Fernández Rei, Luis Rei e Pepe Barro.


A pé do mar, os veteranos simbolizaron o paso do relevo aos novos, encargados de preservar cara ao futuro a cultura marítima do país. A embarcación foi bautizada "Jaivota", en homenaxe a unha a coñecida imaxe do fotógrafo galego Xosé Suárez.

Soaron os acordes do Himno do Antigo Reino, baixaban mozos e maiores ao mar coa dorna Jaivota. Izaron velas todas as embarcacións do país, e os barcos máis grandes, o Hidria e o Zorba fixeron soar as sirenas. Subiron os rapaces, ergueron as velas e estrearon a dorna nas augas atlánticas.

"O mar forma parte de nós mesmos, configura a nosa xeografía e a nosa particular paisaxe, cunhas rías únicas que son para nós un verdadeiro tesouro", relatou a conselleira para a audiencia bretoa e internacional, "o mar é fonte da nosa economía, xerou oficios e industria, pero tamén é cultura e patrimonio, sabiduría transmitida de xeración en xeración e que hoxe presentamos con gabanza nesta festa de Brest na que nos enorgullecemos de ser convidados de honra".

"Un país no que o mar entra na terra para definila, para darlle identidade, para transmitirlle a enerxía das marés".


5/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: