Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O alcalde dí que é un composteiro

Denunciado verquido de lodos en Carballeda de Avia

O colectivo ecoloxista Coto do Frade vén de presentar unha denuncia perante o SEPRONA polo verquido de lodos de depuradora en terreos de Carballeda de Avia onde se pretende construir o chamado "Parque Ambiental".

Coto do Frade - 00:15 17/07/2008

O verquido denunciado consiste en dúas balsas de máis de 100 m2, unha das cales, despois de estar completamente chea foi cuberta de terra para camuflar o verquido. Estas balsas, construídas con maquinaria pesada, veñen sendo empregadas de xeito continuado desde hai máis de seis meses, onde se deposita un material que polas súas características semella ser lodo de depuradora.

Este material, alén de desprender un forte cheiro e ser unha fonte de atracción de insectos, foi depositado en balsas que carecen de ningún sistema de contención que evite a súa filtración ao subsolo e a afectación das augas subterráneas. Por outra banda, a zona foi parcialmente valada, mais non conta con ningunha medida de seguridade.

Resulta paradóxico o feito de que este verquido ilegal está a ser realizado dentro da zona onde está prevista a construción do chamado "Parque Ambiental", onde se pretende a instalación de empresas recicladoras que "apliquen as últimas tecnoloxías", tal como se anunciara desde a  Consellería de Medio Ambiente.

Coto do Frade considera que as declaracións do alcalde de Carballeda de Avia indicando que esas balsas eran un composteiro son unha burda manipulación para tentar agochar a comisión dun grave delito ambiental, e agarda que por parte do órgano substantivo en materia de residuos, nomeadamente a Dirección Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, se apliquen as sancións correspondentes unha vez determinada a procedencia dos lodos.

Coto do Frade, entidade integrada na FEG, quere lembrar que os lodos de depuradora, cumprindo unha serie de requerimentos na súa composición, poden ser compostados, e xunto con outras fontes de residuos orgánicos (rsu e biomasa forestal) supoñen unha importante fonte de materia orgánica para manter ou recuperar a fertilidade dos nosos solos agrícolas e forestais.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: