Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cambio oficial de nome no hospital coruñés

Castelao, Nóvoa Santos, Tomás Fábregas... ducias de alternativas ao "Canalejo"

"Complexo Hospitalario Universitario A Coruña". O Goberno evitou rebuscar para o centro sanitario herculino que levaba décadas padecendo o nome dun coñecido falanxista.

Redacción - 17:30 17/07/2008

Un dos principais centros hospitalarios do país deixará por fin de levar o nome do coñecido falanxista Juan Canalejo. Malia a resistencia que diversos sectores expoñían fronte a este cambio, finalmente, e tal e como se avanzara hai poucos días, a Xunta autorizou este xoves a nova denominación oficial do que será a partir de agora "Complexo Hospitalario A Coruña" e Hospital A Coruña", en substitución dos que eran "Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo-Marítimo de Oza" e "Hospital Juan Canalejo".

Desde a Consellaría de Sanidade indican que era "oportuno" proceder ao cambio de designación optando polo nome da cidade "coa finalidade de homoxeneizar as denominacións dos complexos hospitalarios". A maiores, sinalan tamén que se abandona "unha cualificación non ligada aos valores democráticos introducidos pola Constitución na liña establecida pola Lei de Memoria Histórica pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, que senta as bases para que os poderes públicos leven a cabo políticas dirixidas ao fomento da memoria democrática".

As alternativas posíbeis
Hai un ano, os lectores de Vieiros iniciaran un debate no Open Vieiros ao respecto dos posíbeis persoeiros aos que se podería homenaxear á hora de mudar o nome do complexo hospitalario coruñés.

Así por exemplo, o usuario Lidor propoñía a "Juan Rof Carballo" ou
"Domingo García Sabell". Esquío falaba da posibilidade de "Roberto Novoa Santos", na súa opinión "o médico máis famoso do país", e unha opción esta que recibiu o apoio de moitos outros lectores. Galeguzo era o primeiro en propoñer a "Daniel Castelao", "médico, político e artista". Outra opción, achegada por Césare, era hospital "Tomás Fábregas", en recordo dun coruñés que, sen ser médico, "fixo un gran labor a prol dos enfermos co Sida e dos seus dereitos" e quen San Francisco lle recoñeceu unha honra que en Galiza aínda non lle concedero. Outra posibilidade proposta, neste caso polo internauta Kurumin, foi a de "Hospital Xaime Quintanilla", en lembranza de quen foi médico cirurxián, político e escritor galego"famoso fundamentalmente pola súa calidade humana para cos máis humildes".


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: