Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Empurrón aos grupos novos

O certame Nsaio no Camiño recibe 150 maquetas

O gañador deste ano darase a coñecer a comezos de setembro nun gran concerto en Lugo, onde tamén actuarán grupos consagrados.

Redacción - 18:00 22/07/2008

Nsaio no Camiño ten coma obxectivo difundir a cultura musical galega e dar a coñecer a grupos noveis de Galiza. Esta iniciativa vén complementar a Rede Galega de Locais de Ensaio para darlle unha oportunidade ás bandas e aos artistas musicais do país.

Perto de 150 traballos se presentaron este ano á segunda edición do certame Nsaio no Camiño. Entre todas estas maquetas, o xurado escollerá 15, tres por cada modalidade musical do concurso (rock, pop, folk, mestizaxe e novas tendencias) que serán os 15 grupos ou solistas que participen na fase final do programa.

No mes de agosto hanse desenvolver cinco concertos nas vilas polas que discorren os distintos Camiños de Santiago. De cada un destes concertos sairá un grupo ou solista gañador por cada modalidade. Estes cinco finalistas actuarán logo no gran concerto final, no que, á parte dos concursantes, actuarán grupos consagrados dentro do panorama musical estatal.

A cidade de Lugo acollerá o concerto coa presenza dos cinco conxuntos finalistas en cada estilo no que un xurado especializado escollerá ao gañador absoluto do certame Nsaio no Camiño 2008. O solista ou grupo gañador definitivo obterá como premio a gravación dun disco nun dos mellores estudos de gravación do Estado e asinará un contrato cunha discográfica e un contrato de management. Este traballo discográfico será distribuído e promocionado no Estado por unha das entidades musicais máis importantes da península.

O programa está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e en colaboración coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: