Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Detidos coa escusa "antiterrorista"

Esíxenlle ao novo goberno paquistaní que desvele o paradoiro de centos de desaparecidos

Logo do cambio de goberno en Paquistán, Amnistía Internacional publica un novo informe sobre as desaparicións forzadas durante o goberno de Pervez Musharraf.

Redacción - 17:45 23/07/2008

A organización a prol dos dereitos humanos Amnistía Internacional (AI), fai público o seu último informe acerca das desaparicións forzosas no Paquistán. Forma parte da campaña que AI está levando a cabo co propósito de poñer fin á práctica da desaparición forzada en todo o mundo.

Prácticas negadas e ocultadas durante anos

Nos últimos anos, centenares de persoas “desaparecidas” foron detidas en aplicación de medidas antiterroristas adoptadas por Paquistán no contexto da “guerra contra o terror” dirixida por Estados Unidos. Ducias destas desaparicións xa foran documentadas en 2006 pola organización. Daquela o presidente Musharraf negou o denunciado por Amnistía Internacional, sinalando: “Non quero nin sequera contestar a elo. É absurdo. Non mo creo. Non é verdade”. Pervez Musharraf mantivo esta mesma postura en 2007 cando asegurou que a afirmación de que desapareceran centos de persoas baixo custodia dos servizos de intelixencia paquistanís non tiña “absolutamente ningunha base” e que en realidade estas persoas foran recrutadas ou captadas por “grupos yihadíes” para combater.


"O novo goberno de Paquistán deberá revelar de inmediato onde se atopan recluídas as persoas que están en paradoiro descoñecido, vítimas de desaparición forzada, investigar todos os casos e facer render contas aos responsábeis, incluídos os servizos de intelixencia e seguridade do Estado", pide o novo informe de Amnistía.

Xuíces destituidos

As desaparicións forzadas están, pola súa natureza, rodeadas de segredo, polo que é imposíbel coñecer o número exacto de vítimas. As organizacións paquistanís que traballan en favor das familias das persoas desaparecidas afirman que hai polo menos 563 casos.


Amnistía Internacional pediulle tamén aos líderes do novo goberno de Paquistán que rehabiliten os xuíces destituídos que andaban a investigar casos de desaparición. Cando o presidente Pervez Musharraf impuxo o estado de excepción en novembro de 2007, depuxo os xuíces que esixiran unha resposta do Estado en relación coas desaparicións forzadas.
No seu novo informe, Denying the undeniable, enforced disappearances in Pakistan, Amnistía bota man de actas xudiciais oficiais e declaracións xuradas de vítimas e testemuñas de desaparición forzada para demostrarlle ás autoridades paquistanís que os intentos de localizar ás persoas desaparecidas se viron obstaculizados por funcionarios do Estado, especialmente dos servizos de intelixencia e de seguridade.


No informe tamén se lle pide a outros gobernos, especialmente ao de Estados Unidos, que garantan que non son cómplices da práctica da desaparición forzada, nin a facilitan nin a toleran. Moitas persoas que estiveron recluídas en segredo en centros de detención de Paquistán afirman que foron interrogadas polos servizos de intelixencia paquistanís, pero tamén por axentes estranxeiros.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: