Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Agora en cd

Amancio Prada reedita os seus clásicos Vida e morte e Rosas a Rosalía

"Grazas a Rosalía conseguín a miña primeira guitarra", recorda o do Bierzo, que recupera o seu primeiro disco, gravado en París, e a homenaxe rosaliana máis sobranceira.

Redacción - 10:00 24/07/2008

Amancio Prada ven de presentar a reedición en cedé dos seus clásicos Vida e morte (París, 1973) e Rosas a Rosalía (Compostela, 1997). O poeta, vinculado dende sempre a Galiza, recupera o seu primeiro traballo, que levaba fora de catálogo dende os anos oitenta.

"Foi o meu primeiro traballo, gravado en París no outono de 1973, con acompañamento de guitarra e o violoncello de Eduardo Gattinoni", conta Prada de Vida e morte, "un disco, como todos, coas súas virtudes e defectos, pero tiña un aquel especial: foi un disco fundacional, que deixou asentados os cimentos do que logo fun construíndo ao longo da miña vida”.

“Graveino en circunstancias moi especiais -tiña unha catarreira-, e cos nervios de quen con veintipoucos anos consegue facer un disco", relatou, "meses despois e co disco baixo o brazo, volvin a miña terra amosando o froito musical da miña estancia en París. Xa podía presentarme perante meus pais e meus amigos”.

Censurado

"Cando cheguei, presentei Vida e morte a Hispavox, que gostaron moito del. Rapidamente fixeron a versión española, que fora practicamente idéntica á orixinal francesa, agás a canción Monorrimo, que aínda agora non entendo por que non pasara a censura. Era 1974, e mirando a letra de Luís López Álvarez podo pensar que ao mellor se deron por aludidos dalgún xeito (Nada retoña, no, nadie restaña / nadie la preña ya, nadie a la entraña / muñón de sangre sí, muñón de España)”.

Este tema por suposto está recuperado para a actual edición, e máis dúas críticas que saíron co gallo da publicación do disco en España, unha de Moncho Alpuente e outra de Álvaro Feito.

“Grazas a Rosalía conseguín a miña primeira guitarra”

Rosas a Rosalía é a súa segunda homenaxe á poetisa de Padrón. Amancio Prada comezou a emocionarse cós versos rosalianos cando tiña 17 anos, e antes dos vinte xa compuxera a música para dous poemas de Rosalía (Como chove miudiño e Un repoludo gaiteiro), que incluíu no seu primeiro traballo, Vida e morte.

“Grazas a ela conseguín a miña primeira guitarra. Con vinte anos fun cantar Pra Habana a un festival en Valencia cunha guitarra emprestada e gañei o primeiro premio: dez mil pesetas coas que merquei unha guitarra que vira o día antes en Valladolid. Con ela marchei a Francia, como se fose a chave daquel outono que me levou a París”.

Dous anos despois, en 1975, Prada xa gravara Rosalía, doce temas tamén có acompañamento de Eduardo Gattinoni ao violoncello.

Este Rosas a Rosalía contén todo o seu repertorio rosaliano máis a canción de Juan Montes Negra sombra, que xa é un clásico popular, coa colaboración de amigas actrices e cantantes, como Martirio, María Dolores Pradera, María del Mar Bonet ou Nuria Espert. As dezasete cancións foron gravadas en Compostela, no Auditorio de Galicia, coa Orquestra Real Filharmonía de Galiza e as pandeireiras de Baio.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: