Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde a India (7)

Actividades altamente perigosas

O seu home quería obrigala a deixar de traballar, dado que o seu traballo implica estar todo o día nas aldeas practicando unha actividade altamente perigosa: falar coa xente. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:30 24/07/2008
Tags:

Desexos fáciles
O regreso a Venthekarantheru está sempre marcado por un sabor agridoce. Este é o lugar onde traballamos de xeito máis intenso despois da tsunami, onde pasei días moi duros e onde convivín estreitamente coa perda e coa dor.

Aquí foi onde construímos o refuxio temporal, onde as nenas e nenos saen á rúa saudarme como se fose unha tía perdida das Américas que de cando en vez lles fai unha visita. Agora sorrín e seguen coa vida, algunhas rapazas xa mozas, algunhas meniñas xa nenas. As cousas eran diferentes hai tres anos. A animadora imparte as clases de apoio e, para non variar, piden insistentemente unha foto.

Un desexo fácil de conceder, oxalá fosen así de fáciles todos.

Intercambio
En Karaikal só temos catro clubs de mocidade. Acaban de comezar aínda hai un par de meses. O de Vethekarantheru ten 13 integrantes, 9 delas rapazas. Alédame ver que o seu primeiro obxectivo é a igualdade de xénero. Falta fai, tendo en conta que só hai tres persoas neste momento que estean na universidade (o cal está xa moito mellor ca antes) e todas son rapaces.

Visto o traballo que fan os grupos de mocidade en Tiruchy e o nivel de concienciación e actividade que teñen propóñolle a Ambal facer unha visita de estudo, que se coñezan e aprendan. Preguntámoslles que lles parece a idea e contestan con entusiasmo que por suposto que quere ir a Tiruchy coñecer os grupos de mocidade. Así que con isto queda amañada a primeira actividade de intercambio entre os grupos de mocidade de Tiruchy e Karaikal.

Remata a SIDA?
A organización coa que traballamos, PDI, ten unha ampla experiencia no campo da SIDA. Hoxe Ambal coméntame que o goberno anunciou que rematará todos os programas de prevención en 2012, que pretende transferilos "á comunidade", entendida esta como as prostitutas e outros "grupos de risco". Eu miro para Ambal e pregúntolle como van transferir a prevención a toda a sociedade porque que se saiba o VIH non mira a túa ocupación, é un tema de saúde pública que o goberno ten que seguir xestionando, ou é que pensan que no 2012 xa non vai haber persoas infectadas? Ambal bota unha gargallada e di: precisamente iso pensa o coordinador da prevención da SIDA de Tamil Nadu.

Actividades altamente perigosas
Cando chego á oficina con Lourdmary, Ambal e Sahajaraj aínda tardan un anaco. Ela insiste en acompañarme e aproveita para contarme o miserable que é a súa vida dende que a casaron (tiña xa 26 anos, non podían agardar máis). A min párteseme a alma. Insistirei con Ambal na necesidade de facer os cursos de xénero tamén para as familias do persoal.

O seu home quería obrigala a deixar de traballar, dado que o seu traballo implica estar todo o día nas aldeas practicando unha actividade altamente perigosa: falar coa xente (sobre todo con outros homes). Dáme mágoa ver a súa ledicia ensombrecer cando me di que lle quitou a ledicia de vivir. Pero que conseguiu non facerlle caso e seguir coa súa vida. Fala de como son demasiadas as mulleres que pasan polo mesmo. Aquí, alá e en todas partes. Non sei a quen lle poden sorprender os estudos que amosan como a calidade de vida das mulleres baixa tras o matrimonio/vida en parella e a dos homes, como non, sobe. Que conclusión temos que sacar de todo isto?


Ligazóns

1,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: