Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ferrol o que menos

Vigo, o Concello máis transparente de entre as sete cidades

É o quinto clasificado nun estudo que só analiza os 100 meirandes municipios do Estado. O informe presentouno a organización Transparencia Internacional España esta segunda feira.

Redacción - 18:00 28/07/2008
A torre do Concello de Vigo, sobresaíndo polo medio das casas do casco vello / Flickr: trodriguezontiveros

A torre do Concello de Vigo, sobresaíndo polo medio das casas do casco vello / Flickr: trodriguezontiveros

Acábase de publicar o Índice de Transparencia dos Concellos (ITA, en castelán), elaborado, dende 1993, pola única organización non gobernamental dedicada a combater a corrupción, Transparencia Internacional.

O informe mide, a través dun conxunto de 80 indicadores, o nivel de transparencia dos 100 meirandes concellos do Estado Español, incluídos os galegos de Vigo, Pontevedra, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.

Vigo, o mellor situado entre os galegos
O Concello que obtivo un mellor posto do Índice foi Bilbao, mais Vigo atópase de quinto na clasificación xeral, sendo o mellor posicionado dos galegos, con 81,3 puntos de media. Xusto despois vén Compostela, con 80,0. Pontevedra (69,4) situouse 19º; Lugo (61,9), 28º; A Coruña (56,3), 40º, Ourense (48,6), é o 61º clasificado; e Ferrol é o último dos galegos, sendo o 91º da clasificación xeral, con 25,0 puntos.

Ademais, doutras clasificacións, é de destacar a que obtivo Concello de Lugo que, empatado a puntos co de Bilbao, encabeza a lista de Transparencia na Contratación de Servizos.

O último clasificado dos galegos, o Concello de Ferrol
Tamén é de salientar que o Concello de Ferrol non obtivo ningún punto na avaliación da súa Transparencia Económico Financeira (compartindo o último posto con outros oito concellos, seis deles de Andalucía) nin na Trasparencia na Contratación de Servizos.

Por autonomías, Galiza está de 11ª na clasificación xeral, por detrás de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña e Estremadura.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: