Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe sobre políticas migratorias

O Consello de Europa acusa a Italia de fomentar o racismo entre os cidadáns

O comisario de Dereitos Humanos da institución cre que as políticas de inmigración do goberno de Berlusconi estimulan as actitudes xenófobas.

Redacción - 14:15 29/07/2008

A criminalización dos inmigrantes que entran en Italia de xeito ilegal con probabilidade contribúen a "estimular a xenofobia" e a que nazan e se estendan as actitudes racistas entre os cidadáns. Ademais, estanlle facendo máis difícil aos refuxiados a petición de asilo, segundo advertiu Thomas Hammarberg, comisario para os Dereitos Humanos do Consello de Europa.

O comisario entende que o executivo italiano afronta mal as políticas en materia de inmigración e que "o máis probábel é que estigmaticen aínda máis a todos os inmigrantes". Hammarberg recorda que as iniciativas neste ámbito deberán preocuparse sempre por non esquecer os principios básicos dos dereitos humanos. Así, e segundo o informe presentado despois dunha visita recente a Italia, o comisario conclúe que a escusa da preocupación pola seguridade está servindo de acubillo para accións "extremadamente violentas" como as sufridas por varios campamentos xitanos. Ademais, Hammarberg tamén denuncia que algunhas forzas políticas locais están dando apoio "directo e indirecto" a este tipo de sucesos violentos.

De xeito específico, o responsábel de Dereitos Humanos no Consello de Europa chama ás administracións italianas a garantir de xeito urxente "protección efectiva" dos dereitos básicos dos xitanos.

O goberno italiano xa respondeu ao estudo, asegurando que non ten a intención de "criminalizar" a ningún colectivo e que as medidas aprobadas só perseguen "actuacións" concretas. Así e todo, máis belixerante foi a resposta dunha das voceiras do partido de Berlusconi, a deputada Isabella Bertolini, quen acusou de "politizado e instrumentalizado" o informe de Hammarberg.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: