Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Segue a polémica no noso país

Reclámanlle á Xunta unha "acción directa" ante a actitude "belixerante" de Air Berlin

O deputado do BNG, Bieito Lobeira lamentou a existencia dunha compañía "que opera dende Galiza e que verte na súa publicación críticas e prexuízos sobre a lingua galega".

Redacción - 17:45 05/08/2008
O director executivo de Air Berlin, Joachim Hunold

O director executivo de Air Berlin, Joachim Hunold

O grupo do BNG pediulle á Xunta, a través dunha pregunta formulada polo deputado Bieito Lobeira no Parlamento, unha reacción directa e firme ante a actitude da compañía aérea Air Berlin que formulou, en palabras do nacionalista, "críticas e prezuíxos" sobre a nosa lingua.

Esta terza feira a Secretaría Xeral de Política Lingüística respondeulle ao deputado do BNG, Bieito Lobeira, mediante un escrito (en .pdf) no que dicían "lamentar" as manifestacións vertidas polo director executivo de Air Berlin "pois non se axustan á realidade global de sociedades heteroxéneas e plurais nas que é normal a convivencia de valores e actitudes, de linguas e culturas distintas".

Ao tempo, neste seu escrito, a Secretaría Xeral que dirixe Marisol López (PSdeG), consideraba que as compañías de baixo custo "son a referencia no acceso ao transporte aéreo para un número importante e crecente de cidadáns, e por iso o galego ten que tomar posicións neste ámbito". Nesta liña, aseguraron estar a "valorar as posibilidades existentes de cara a integrar o galego" neste eido "a curto prazo".

As verbas do señor Hunold
A polémica xurdira o pasado mes de xuño, cando o director xeral de Air Berlin, Joachim Hunold, vertía, a través dunha editorial publicada na revista da compañía aérea (en alemán e en .pdf), unha serie de prexuízos sobre a nosa lingua, o catalán e o éuscaro.

O directivo escribía aquela editorial despois de que o goberno balear lle enviase unha petición formal para empregar o catalán nas comunicacións da compañía. Nela dicía cousas como que o catalán, non é lingua oficial en Mallorca, que hai nenos que xa non saben falalo e que a partición de España en nacionalismos rexionais significaba un regreso aos reinos medievais. Hunold aínda ironizaba preguntándose "Téñolles que dar agora cursos de catalán por decreto aos meus empregados? E os que voan a Galiza ou a Euskadi, quererán que nos dirixamos a eles en galego ou en éuscaro? É que xa non falan o español?".

O BNG pide un posicionamento firme do Goberno
Naquel momento, a Lobeira resultoulle, segundo dixo, "difícil de entender que un grupo empresarial das dimensións do de Air Berlin, que presume de europeísmo e dunha visión do mundo cosmopolita, se permita o luxo de lanzar ataques directos, a través dunha publicación periódica (...) contra idiomas de pobos como o galego, o vasco ou o catalán".

Despois de recibida a resposta de Política Lingüística, o parlamentar nacionalista pedía que o "posicionamento do Goberno sexa firme e se transmita á compañía aérea" do mesmo xeito que se ten feito "noutras nacións do Estado", para que "de xeito claro e contundente" a aeroliña saiba do "rexeitamento do Goberno Galego ante estas actitudes (...) que desprezan a nosa cultura".


4,86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: