Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANTÓN REIXA

"Antes pretendía explicar o mundo en cada verso, co tempo un vaise volvendo minimalista"

O artista publica 'Látego de Algas', o seu primeiro poemario en nove anos.

Marcos S. Pérez - 11:35 06/08/2008

Se alguén ten a tentación de recuperar os vellos discos de Resentidos para acompañar o novo libro de Reixa, quizais é recomendábel que poña a Música Feliz (Están aquí, 1993), Mira como vai esta música feliz. Non quero máis nada que esta música feliz. Porque Látego de Algas, o primeiro poemario de Antón Reixa en nove anos, dende aquel Escarnio de 1999, é un libro escrito dende a pracidez, a felicidade acuática e o amor doméstico. O autor presentou o libro este martes na Feira do Libro da Coruña, acompañado por Miguel Anxo Fernán-Vello, director de Espiral Maior.

Reixa concorda con que o tema principal do libro é o amor, mais matiza: "É un libro que fala do desexo, da pulsión do amor", un sentimento cómodo, pero no que Reixa segue atopando enigmas, Enigmas como o de se é verdade que a suor dos hipopótamos é rosa, escribe nun dos últimos poemas do libro; "o amor segue deixándome perplexo, e isto, que podemos chamar 'amor', ou 'instalación no desexo', provócame unha especie de felicidade nerviosa", di. Pero Látego de Algas é definitivamente un libro de amor. Versos como Que me desconten todos os días nos que non dixen o teu nome, Todo o que non es t, para min ten o ruído insoportable da miña soidade anatómico-forense ou Fai coa miña melancolía o que queiras, pero cómeme deixan pouco espazo para a dúbida.

Reixa pasou nove anos sen publicar, pero non nove anos sen escribir. De feito asegura que ten "dous ou tres libros pendentes de editar". Di tamén que o convite de Fernán Vello para que publicase en Espiral Maior, sendo ademais o seu libro o número 200 da histórica colección, chegoulle nun momento ideal; "eu traballo nun mundo de urxencias absurdas, o audiovisual; por iso resúltame moi atractiva a poesía, na que podo traballar sen stress", di, salientando que "é a primeira vez que fago un libro para ler, normalmente os meus libros ían rodeados de toda unha aparataxe de música e de vídeo". O que si ten Látego de Algas é un conxunto de ilustracións feitas por Francisco Leiro, todo un Premio Nacional da Cultura; "ten moito sentido que sexa así, boa parte do libro escribiuse na súa casa de Nova York", engade Reixa.

Látego de Algas fica lonxe das mellores obras de Reixa, pero o autor de As ladillas do travesti, A dama que fala ou Historia do Rock and Roll, mantén parte da poética que lle puxo luces de neón aos chascarraschás: Curvas túas. Xa as teño. Agora quero que me fervas coma un polbo.

Botando a vista cara a atrás, o Reixa que presentou este martes o seu libro na Feira da Coruña pouco ten que ver co Reixa de Rompente: "co tempo un vaise volvendo minimalista (...) Nos poemas que escribía nos setenta, e nos oitenta, pretendía explicar o mundo en cada verso". E sen renegar das vangardas dos oitenta das que el formou parte, defende por riba de todo a calidade da poesía galega actual: "eu síntome especialmente cómodo na tradición máis recente da poesía galega. En comparación co que se escribía e se publicaba nos oitenta, a poesía galega gañou en diversidade. Fíxate, eu naquel tempo lía moi poucos autores de aquí, algo de Manuel Antonio, de Ferrín, ou de Cunqueiro. E agora sigo a moitos autores, e con especial interese a Chus Pato, a Yolanda Castaño ou a Daniel Salgado. Agora temos un sistema literario máis diverso".

Manuel Vilariño reclamaba hai uns días que se a cultura galega quería triunfar fóra, quería ser 'exportada' como se adoita dicir agora, debía apostar pola vangarda, que era o que sempre lle funcionara. A este respecto Reixa concorda en que "atopar unha voz e unha mirada propia é esencial para ser recoñecidos", mais matiza: "Hai que ir gañando ámbitos tamén".


4.25/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: