Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No medio das manifestacións pro-Tibet

O facho olímpico chega a Beixín

No mesmo día varios olímpicos galegos saen cara a capital chinesa, entre eles o abandeirado do equipo estatal, o padexeiro David Cal.

Redacción - 11:30 06/08/2008
Outra das faixas que pedían liberdade para o Tíbet

Outra das faixas que pedían liberdade para o Tíbet

Esta cuarta feira, de mañá, chegaba o facho olímpico a Beixín, despois de facer un dos percorridos máis polémicos e accidentados da historia dos Xogos Olímpicos (os intentos de apagar o lume foron habituais), duns 137 mil quilómetros, arredor do mundo.

O facho comezou un percorrido pola capital, tras baixar do avión, e saíu á praza de Tiananmen. Aínda vai estar tres días percorrendo a cidade, pasando por lugares tan emblemáticos coma o Templo do Ceo ou a Gran Muralla, todo isto arrodeada de fortes medidas de seguridade, porque Beixín está blindada estes días. Aínda así, catro activistas da organización Estudantes por un Tíbet Libre (SFT) conseguiron despregar dúas faixas nas que se pedía a independencia desta rexión, ben perto do principal estadio da Cidade Olímpica.

Os mozos, todos eles estranxeiros (británicos e norteamericanos), foron detidos de seguido pola policía chinesa, que non puido evitar que os medios de comunicación presentes na zona captasen as imaxes da acción.

Beixín blindada

A só dous días de acender a larada olímpica, a seguridade parece que vai ser a gran protagonista: nas zonas do país que o goberno chinés considera "puntos sensíbeis" chegouse a poñer un policía en cada autobús.

Quizás polas presións a nivel internacional, as autoridades decidiron abrir simbolicamente o réxime chinés, con accións como limitar, menos do previsto, o acceso dos xornalistas estranxeiros á rede. Por outro lado, o levantamento da censura foi moi parcial, tanto que non se notou, e cousas como retirar os indixentes da rúa ou manter, baixo arresto domiciliario, a varios disidentes e potenciais manifestantes, non mudaron.

Se cadra a seguridade fíxose máis crúa dende a pasada segunda feira, cando, presuntamente, dous independentistas uigurs atentaban contra unha comisaría de policía no Turquestán Oriental; unha zona onde Amnistía Internacional (AI) denunciou, en 1999, que a China estaba a violar os dereitos humanos dos seus habitantes dun xeito flagrante.
A resposta ao ataque non se fixo agardar: dúas persoas foron detidas esta terza feira como presuntas responsábeis, e tres xornalistas foron agredidos cando tentaban cubrir a noticia.

Os olímpicos galegos viaxan cara Beixín

Esta cuarta feira parten cara Beixín os padexeiros David Cal, Carlos Pérez Rial, Perucho, Tareixa Portela e Sonia Molanes. Na segunda e última expedición organizada polo Comité Olímpico Español tamén viaxan os galegos que ficaban por se desprazar a China os atletas Santi Pérez e David Gómez, e o ciclista de montaña Xosé Antón Hermida.

Alí xa se atopan, dende a pasada semana, os regatistas Echávarri e Paz, mentres que os triatletas Iván Raña e Xabier Gómez Noya están en Corea, preparándose para a cita do vindeiro día 19 de agosto. En China tamén están Tamara Abalde (baloncesto) e Sandra Aguilar Atletismo, maratón).


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: