Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No caso da suposta axente electoral

O rexedor muxián critica o "furor xudicial" do PP que retruca acusándoo de "espantada"

O PP avalía que o auto do xuíz confirmaría "indicios de criminalidade". O alcalde, Félix Porto (PSOE) asegura que quedará claro que "non hai nada que ocultar".

Redacción - 18:15 06/08/2008

Ao non presentar o PP o aval necesario para a materialización da querela e ao tratarse de acusación particular e non de parte afectada, a denuncia realizada polo partido ao fío do caso da presunta axente electoral queda en suspenso.

Ao respecto, o alcalde de Muxía, Félix Porto, que este mércores tiña previsto declarar no xulgado, opina que o PP descoñece os mecanismos que rexen as decisións xudiciais. "Se cometen estes erros a nivel formal, imaxinemos que sucederá cando entren no fondo da cuestión", critica Porto. O rexedor interpreta que os populares teiman na súa denuncia nos xulgados "porque son incapaces de publicitar as súas ideas e defendelas nos foros axeitados". "Están tan obsesionados por vencer como sexa que renunciaron a convencer", reprochoulles.

O PP acusa a Porto de tentar atrasar a comparecencia
Desde o Partido Popular, censuran que o rexedor de Muxía declarase hai días que estaba "ansioso" por aclarar ante a Xustiza o acontecido e que agora presente un recurso que adía a súa comparecencia no xulgado.

Tamén destacan que no novo auto emitido polo xulgado este martes, o maxistrado di apreciar a existencia de "indicios de criminalidade" nos feitos investigados. Nun comunicado, a dirección do PpdeG afirma que actuará como acusación particular e láiase da "inhibición" da Xunta e da Fiscalía. De paso, aseguran que o que cualifican de "trama" para o uso de fondos públicos por parte do PSOE para a realización da súa campaña electoral en Arxentina tén "máis patas" e insisten en pedirlles responsabilidades ao conselleiro de Traballo e vicesecretario xeral do PsdeG, Ricardo Varela, ao secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e á deputada socialista Marisol Soneira.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: