Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIDA AMBIENTAL

Viaxar só: máis caro en Lisboa

As peaxes de entrada na capital portuguesa serán máis caras para os vehículos que leven só ao condutor.

Redacción - 12:30 07/08/2008

A medida entrará en vigor en aproximadamente seis meses. Os condutores que viaxen sós deberán pagar máis na súa peaxe para entrar a Lisboa. Esta medida xorde no marco do Plan de Melloría da Calidade do Aire na rexión de Lisboa e o Val do Teixo, e vén de ser publicada no Diario da República. Estas chamadas "peaxes diferenciadas" aplicaranse nos días laborables e en certas horas, se ben, este extremo aínda está por definir pola Comisión de Coordinación.

Esta iniciativa, que foi consensuada pola Presidencia do Consello de Ministros e os Ministerios da Administración Interna, do Medio Ambiente, do Desenvolvemento Rexional, da Economía e dos Transportes, márcase o obxectivo de mellorar a calidade do ambiente. En concreto, na zona de Lisboa e o Val do Teixo dánse importantes aglomeracións, o que provoca concentracións elevadas de partículas a xeito de contaminación. Segundo os estudos, estes niveis contaminantes débense ás elevadas emisións derivadas do tráfico de vehículos.

Outras medidas
No marco deste proxecto para evitar a contaminación atmosférica tamén se tomarán outras medidas como o aumento do número de corredores Bus na cidade de Lisboa e os seus principais accesos. Tamén se prevé a renovación de flotas de transporte público, incorporando vehículos máis ecolóxicos, ou reestruturarase a circulación coa dotación de Vías de Alta Ocupación. Asemade, para reducir a polución, a Cámara de Lisboa procederá a regar dúas veces ó día, no canto de unha, a Avenida da Liberdade, unha das principais arterias da cidade. Doutra banda, tamén se porá en marcha un sistema de aluguer de bicicletas que evite o abuso do automóbil.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: